A Deputación esixe á Xunta que retire as reformas lexislativas sobre a dependencia

O Pleno aprobou este martes unha moción socialista na que se pide que dea marcha atrás aos cambios que permiten ás persoas sen titulación adecuada tramitar e informar as solicitudes
pleno-deputacion-xaneiro
25 Feb 2025

A Deputación de Lugo esixiralle á Xunta de Galicia que retire as reformas na Lei de Servizos Sociais porque “deterioran a calidade da atención á dependencia”. Así se acordou no Pleno ordinario do mes de febreiro celebrado este martes tras unha moción dos socialistas que foi aprobada cos votos a favor do PSdeG e do BNG e cos votos en contra do PP.

Avanzou o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, antes da sesión plenaria, que a este Pleno “levamos cuestións que preocupan aos cidadáns, cidadáns maiores que están intranquilos polo enorme atraso que leva a Xunta nas solicitudes de dependencia. E o Goberno galego en vez de poñer medios para resolver a situación, o que fai é castigar aos concellos”. Puxo como exemplo o Servizo de Axuda no Fogar, lembrando que a Xunta de Galicia pretende sancionar aos municipios que non cubran o SAF en lugar de axudalos e sinalou que desde o Executivo autonómico teñen que modificar todo o que ten que ver coa asistencia ás persoas maiores.

Engadiu a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que “a mala atención aos nosos maiores está a acadar trazos de emerxencia social” e cualificou de “noxenta” e “inxusta” a situación. Nese sentido, explicou que a Xunta acumula atrasos importantes na valoración das persoas que solicitan a dependencia, pero tamén atrasa en facer efectiva a prestación desde o momento en que esta se concede. Unhas cifras ás que se suman as máis de 1.800 persoas recoñecidas polo Goberno galego que demandan praza nunha residencia.

Detallou a Deputada que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) en Galicia farían falla 14.600 prazas máis de residencias e que as 21.000 dispoñibles na comunidade están situadas nun ámbito privado a prezos “inasumibles”. Sinalou ademais que a poboación da provincia de Lugo ten agora mesmo preto de 98.000 persoas por encima dos 65 anos, pero que na vindeira década esa cifra incrementarase noutras 50.000.

García Porto cualificou de “propagandísticas” as medidas que está a implementar a Xunta, porque non supón unha mellora na atención ás persoas dependentes “o que supón é apostar pola privatización do sistema, relegar aos expertos con formación en Traballo Social e non garantir unha valoración adecuada da discapacidade e da dependencia”. E na liña do que criticou o Presidente, a Deputada lembrou que cando os alcaldes buscan xente para traballar no SAF atópanse con que ninguén quere ir vivir nas vilas pola falta de servizos, “así van pechando o círculo vicioso e conseguindo que a práctica totalidade dos núcleos rurais da provincia teñan perdido entre un 20 e un 25% da poboación nas últimas décadas. Logo, iso si, sancionan aos concellos que non prestan o Servizo de Axuda no Fogar”.

O texto da moción recolle, en concreto, instar á Xunta de Galicia a que retire de inmediato os cambios introducidos na Lei de Servizos Sociais que permiten a persoas sen titulación adecuada tramitar e informar as solicitudes da Lei de Dependencia; que habilite medidas reais para garantir a correcta valoración da Dependencia, a resolución en prazo das solicitudes e que acorte o prazo de espera entre que se concede a prestación e esta se fai efectiva; que se deseñe un plan de reforzo do sistema público de Servizos Sociais para dar resposta tanto ás necesidades actuais das persoas que esperan por unha praza de residencias, como ás situacións de incremento de demanda que fai previsible o proceso de envellecemento da poboación.

Plan de promoción de vivenda

O Pleno sacou tamén adiante unha moción dos socialistas para pedirlle á Xunta de Galicia que poña en marcha un plan de promoción de vivenda pública “urxente” que cubra as necesidades na provincia de Lugo, onde constan 2.252 demandantes. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e cos votos en contra do PP.

Tomé Roca valoraba neste caso que “a xente nova ten moitísimos problemas para acceder a unha vivenda, pero a promoción de vivenda pública en Galicia nin está nin se lle espera. É máis, a Xunta devolveu diñeiro de promoción pública de vivenda en vez de investilo. A iniciativa privada está moi ben, que constrúa as vivendas que considere, pero quen ten a obriga de facilitar o acceso á vivenda é a Administración pública, que non está a facer absolutamente nada”.

García Porto reforzou este argumento con datos durante o Pleno, sinalando que fronte as vivendas de promoción pública construídas en Lugo entre os anos 2005 e 2009, co Goberno progresista de Touriño -3.561, unhas 712 ao ano- en 13 anos de Goberno de Feijoo na provincia de Lugo habilitáronse 628 vivendas, unhas 44 ao ano. “Nos catro anos do bipartito levantouse en Galicia case que o triplo de vivenda protexida que nos 14 anos seguintes de goberno do PP”, algo que a Deputada achacou ao “desinterese”.

Declaracións institucionais

Aprobadas ademais por aclamación dúas declaracións institucionais consensuadas cos tres grupos con representación na sesión plenaria. Unha para reivindicar o Día Internacional da Muller que se conmemora o vindeiro 8 de marzo e outra para promover a prevención, a investigación, o diagnóstico precoz e o tratamento das enfermidades raras con motivo da conmemoración, o vindeiro 28 de febreiro, do día mundial destas doenzas.

No que ten que ver coa primeira declaración, relativa ao 8M, o Pleno da Deputación de Lugo aprobou a unha reivindicación da institución pola igualdade plena e efectiva e os valores do feminismo, esenciais para acadar unha sociedade xusta e mellorar a nosa calidade democrática. Na segunda declaración, a institución reivindica, no que ten que ver coas enfermidades cualificadas como “raras” unha atención integral, o acceso aos servizos sociais, a inclusión social, e unha formación especializada en ámbitos clínicos e sociais.

PETICIÓNS DO PARTIDO POPULAR

O PP logrou aprobar no Pleno da Deputación de Lugo as súas dúas propostas para reclamar ao Goberno de Sánchez “corrixir o Plan Director do Corredor Atlántico para evitar o illamento da provincia de Lugo garantindo a conexión coa alta velocidade e investimentos en infraestruturas” e “cumprir coa súa parte do financiamento en materia de dependencia”.

Cos votos a favor dos deputados do Partido Popular e do BNG saía aprobada a iniciativa do Grupo Popular para presentar un novo Plan Director do Corredor Atlántico “para que a provincia de Lugo non quede illada en materia de infraestruturas”. De feito, o portavoz, Antonio Ameijide, sinalou que “pedimos o mesmo que para outros territorios”.

Os populares esixen compromisos concretos, cifras detalladas e prazos definidos para a execución de obras de mellora das infraestruturas viarias e ferroviarias de titularidade estatal incluíndo ademais a conexión real por Alta velocidade de cara a garantir as comunicacións, a competitividade e o desenvolvemento dos concellos da provincia de Lugo en igualdade de condicións a outros territorios.

A reclamación ao Goberno do Estado para que cumpra a súa obriga de cofinanciar o 50% da dependencia e saldar a débeda acumulada de máis de 2.500M€ con Galicia foi aprobada cos votos a favor dos deputados do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE “que se nega a reclamar a Sánchez o que está a negar a Galicia”, segundo incide o portavoz, Antonio Ameijide.B

Os deputados do Grupo Provincial Popular censuraron o voto en contra do PSOE para esixir ao Goberno de Sánchez garantir a conexión coa alta velocidade e investimentos en infraestruturas para evitar o illamento da provincia despois de analizar o Plan Director para o Corredor Atlántico en Galicia presentado recentemente e no que “Lugo é a única provincia do entorno que queda fóra do mapa. Quedamos illados os lucenses, as nosas empresas e os nosos autónomos”.

Nese sentido, preguntouse se os representantes socialistas celebraban na visita ás obras da intermodal que Lugo vaia ter a primeira intermodal sen trens, a peor conexión por ferrocarril coas peores frecuencias ou que Lugo non vaia ter alta velocidade e quede fóra do Corredor Atlántico de mercancías.

E, en materia de estradas, sinalou que “nos plans do Ministerio non está a A-56 para comunicar Ourense con Lugo de forma segura toda vez que a N-540 é un perigo, nin a A-74 na Mariña nin a A-76 na zona sur que conectaría Ponferrada con Ourense pasando por Monforte.

PSOE E BNG CAMBIAN DE CRITERIO SOBRE A DEPENDENCIA

“O Estado incumpre sistematicamente a súa obriga de financiar ao 50% a dependencia e segue financiando escasamente un 30% que na actualidade acumula xa unha débeda coa nosa comunidade autónoma de máis de 2.500 millóns de euros”, expuxo o deputado Francisco Balado.

Coa reforma da normativa constátase que “o Goberno de Sánchez incumpre dende o 1 de agosto de 2023 tódolos meses o artigo 9 da lei”. Balado explica que “o nivel mínimo que se paga por cada persoa atendida mensualmente debe financialo o Estado” que só aporta 76€ dos 100€ que debera achegar para o grao I e só 132€ para o grao II cando debera aportar 150€. “Isto supón que a débeda dende o 1 de agosto de 2023 polo impago das contías mínimas ascenda a 12,3M€ adicionais”.

O novo Real Decreto de dependencia do Goberno de Sánchez obrigou a reformar a normativa autonómica e a buscar a financiamento. Os populares censuraron que o Goberno de España actuase sen consultar aos Concellos se tiñan capacidade para ampliar as horas, se os contratos vixentes admitirían este incremento ou se había financiamento e traballadores para levalo a cabo. Ante esta situación, a Xunta de Galicia tivo que incrementar os complementos autonómicos para que os galegos con dependencia non tiveran que pagar máis polos mesmos servizos.

Balado lembrou que “esta mesma proposta, na que se pide reclamar para Galicia o que consta na lei, foi presentada polo Grupo Popular no Parlamento de Galicia e obtivo o voto a favor do BNG e a abstención do PSOE”. É dicir, ambas formacións cambiaron o sentido do seu voto con respecto aos seus compañeiros no Hórreo.

PROPOSTAS NACIONALISTAS

A Deputación de Lugo insta á Xunta de Galicia a crear unha Valedoría de Igualdade, que asesore e asista as mulleres diante de posibles situacións de discriminación por razón de xenero que se produzan no sector privado. A iniciativa do BNG, presentada como proposta do goberno provincial aprobouse no pleno, no que a deputada e portavoz nacionalista Iria Castro defendeu a necesidade “de seguir avanzando na creación de instrumentos a favor de igualdade” e na “salvagarda dos dereitos recoñecidos na lexislación” que, recordou, o BNG impulsou desde o goberno e desde a oposición con achegas como a coñecida Lei Ángeles Alvariño para a igualdade entre homes e mulleres na investigación.

A deputada nacionalista afeou o voto en contra do PP , ao que reprochou “que invisibiliza ás mulleres na composición do grupo provincial”, un aspecto que sinalou como demostración da necesidade de implementar novas ferramentas que impulsen avances en igualdade.

O pleno provincial tamén aprobou unha moción que reclama á Xunta de Galicia unha nova convocatoria de axudas á incorporación e plans de mellora na actividade agraria que garanta o futuro das mozas e mozos que queren instalarse no rural con modelos de xestión sostible e baseados nunha gandería extensiva con pastoreo.

A proposta recóllese nunha moción do BNG aprobada malia a abstención do PP , que da conta da denegación masiva de solicitudes da última convocatoria. O deputado nacionalista e responsabel de Rural Daniel García detallou que “o 70 por cento das solicitudes de plans de mellora foron denegadas “ e puxo de manifesto que “aínda non está dispoñible o borrador da nova convocatoria que a Consellaría se apurou a anunciar”.

“É inadmisible para calquera administración que se desbote un número de solicitudes que cumpren coa normativa e cos requisitos técnicos, tras a supervisión do persoal das oficinas rurais e do servizo de explotacións agrarias”, dixo o deputada nacionalista, que advertiu de que “este desleixo na xestión compromete o futuro das mozas e mozos que se incorporaron á actividade agraria e que non dispoñen do plan de mellora asociado”.

Contrapuxo a falta de compromiso e de xestion neste eido, co apoio á instalacíon de Altri no corazón da comarca da Ulloa, berce da produción ecolóxica da provincia, con 250 millóns de euros de fondos públicos.

0.11636185646057