A Deputación inaugura este venres no Museo de Pontevedra “Pinturas negras”, unha mostra de trece artistas vinculados á Facultade de Belas Artes

Comisariada por Ignacio Pérez Jofre e Sandra MG, a exposición, que se poderá ver ata o 6 de abril, explora as posibilidades formais e simbólicas da cor negra na arte contemporánea.
Pinturas Negras
20 Feb 2025

Pontevedra, 19 de febreiro de 2025 – O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado de Ignacio Pérez Jofre e Sandra MG, comisarios da mostra, presentou no Museo de Pontevedra a exposición “Pinturas negras”, que se inaugurará este venres no Edificio Castelao. A mostra, que se poderá visitar ata o 6 de abril, reúne as obras de trece artistas que teñen vínculos coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra e explora o uso da cor negra na arte contemporánea, tanto nas súas posibilidades formais como simbólicas.

A cor negra, na súa vertente dramática e expresiva, é o eixe central da mostra, tomando como referencia a famosa serie de Francisco de Goya, que usou o negro para transmitir emocións profundas e contrastadas. A mostra inclúe obras de artistas que abarcan unha ampla gama de disciplinas artísticas, desde o debuxo e a pintura ata a escultura, a instalación e a arte sonora, todas unidas polo fío condutor do negro.

Unha exposición de gran calidade artística
O vicepresidente Rafa Domínguez destacou a importancia desta mostra como exemplo da alta calidade artística que caracteriza ao Museo de Pontevedra. “Convido a todos os pontevedreses a coñecer o Museo, que combina exposicións permanentes e actividades arredor do Ano Castelao con mostras temporais tan relevantes como esta”, afirmou Domínguez. A mostra únese a outras exposicións anteriores, como ‘De mestras e mestrados’, ‘Campo de sementes I’ e ‘Pregar a pintura’, que serviron para amosar o traballo de artistas vinculados á facultade.

Por súa parte, Ignacio Pérez Jofre destacou a incorporación de Sandra MG como co-comisaria, aportando unha nova mirada, máis fresca e feminina, á exposición. “Quixemos facer desta exposición un proxecto que transmitira a presenza do negro na arte da Facultade de Belas Artes de Pontevedra”, explicou Pérez Jofre.

Unha mirada contemporánea ao uso do negro na arte
"Pinturas negras" conecta cunha tradición española e galega de usar a escuridade de maneira dramática e expresiva, como fixeron artistas históricos como Goya, Gutiérrez Solana, Saura ou Maruja Mallo. Este uso do negro, na exposición, non só ten unha raíz histórica, senón que tamén responde ás inquedanzas e linguaxes contemporáneas dos artistas actuais.

Entre as pezas destacadas atópase "Asheé II", unha obra do artista Fernando Casás, cedida polo CGAC, que presenta un bosque de madeira carbonizada sobre un leito de carbón, reflexionando sobre a destrución da vida e o significado da palabra "asheé". Outra peza relevante é o mural de Erik Balbuena, que achega unha perspectiva urbana nocturna cun enfoque contemporáneo e expresivo, mentres que os debuxos de Alejandra Pardo exploran as ameazas ás que se enfrontan as mulleres en espazos urbanos nocturnos, engadindo unha reflexión de xénero á exposición.

A mostra tamén dá cabida ás novas xeracións, con máis da metade dos artistas por baixo dos 40 anos, o que mostra o interese por dar voz a novos talentos.

Artistas participantes:
A exposición reúne as obras de Acacia Ojea, Alejandra Pardo, Araceli Liste, Erik Balbuena, Fernando Casás, Fruela Alonso, Juan Loeck, Juan Rivas, Julia Huete, Lúa Gándara, Miguel Teixeira, Mónica Cabo e Sol Mussa.

0.11069583892822