A Deputación inviste 1,12 millóns de euros en sete estradas que pasan por once concellos

As vías están en Lugo, O Corgo, Guitiriz, Xermade, Vilalba, Trabada, As Nogais, Cervantes, Pedrafita, Guntín e Friol
Pablo Rivera Capón
28 Feb 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación, por 1,12 millóns de euros, dos proxectos de mellora de 7 estradas ao seu paso por 11 concellos da comarca de Lugo, A Mariña, A Chaira e A Montaña. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión semanal celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos.

Entre os concellos de Lugo e O Corgo, a Deputación adxudicou os traballos de rehabilitación de preto de 6 quilómetros da LU-P-2904, que comunica parroquia lucense de Conturiz co concello do Páramo. A adxudicataria é Explotaciones Gallegas SL e acometerá as obras por un prezo de 229.889 euros. As obras afectarán ao treito que vai dende o punto quilométrico 3,717 ao 9 e consistirán na limpeza de cunetas, drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización correspondente. O prazo de execución, neste caso, será de 2 meses desde o inicio dos traballos.

Pablo Rivera explicou que se trata dunhas obras relevantes porque esta estrada “dá servizo directo a varias parroquias e facilita o acceso a rutas de sendeirismo. E ten moito desgaste porque soporta a diario o tránsito de vehículos agrícolas”.

A institución provincial tamén adxudicou os traballos de mellora da LU-P-2301, que une o núcleo de Guitiriz con Os Vilares. A empresa adxudicataria é Francisco Gómez y Cía SL por un prezo de 213.322 euros. As obras afectarán ao tramo que vai dende o punto quilométrico 6,7 ata o 9,2 e consistirán na reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e reposición da sinalización. O prazo de realización dos traballos será de 1 mes desde o seu inicio.

Cualificou Rivera Capón que se trata dunha “estrada importantísima para A Chaira porque enlaza a A-6 coa estrada autonómica LU-170 que vai de Parga a Momán, facilitando a conexión con Xermade en sentido á Mariña”.

Francisco Gómez y Cía SL será tamén a empresa encargada dos traballos de mellora dun tramo de preto de catro quilómetros da LU-P-2206, que une en Xermade Roupar e Vilapedre por Lousada. Neste proxecto contémplase tamén a reposición de marcas viais de algo máis de 9 quilómetros da LU-P-6509, a estrada limítrofe que vai de Carrizo ata Lousada no concello de Vilalba.

Explicou o deputado que as obras que afectarán á LU-P-2206 -do punto quilométrico 1,8 ao 5,5- consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización. O prezo para as dúas actuacións será de 178.822 euros e o prazo de execución previsto é tamén de un mes. Dúas actuacións que, en palabras de Pablo Rivera, que virán tamén mellorar as comunicacións na Chaira.

En Trabada quedou adxudicada a Construciones Isidro Otero SL a mellora da LU-P-6101, que une Trabadela ata a Ría por Sante por 130.776,58 euros. O tramo que se vai arranxar vai do punto quilométrico 1,3 ata o 3,5 e os traballos consistirán na pavimentación e no repintado da sinalización e o balizamento. O prazo para a realización destes traballos é dun mes e trátase dunha actuación importante porque esta estrada ten moita densidade de tráfico.

Nas Nogais a empresa Servicios Agrícolas y Excavaciones Fonsagrada SLU resultou adxudicataria dos traballos para mellorar a LU-P-3701, a vía que vai desde este municipio ata a LU-P-4504 por Pintinidoira. Concretamente, renovarase un treito de 20 quilómetros, desde o inicio da estrada, con 112.288 euros. Realizarase a reapertura de cunetas e a reparación de afundimentos cun prazo de execución de 2 meses desde que se inicien as obras.

Rivera destacou que esta estrada “é importante para as comunicacións da Montaña, porque dá servizo ós concellos das Nogais, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro”.

O Grupo Bascuas resultou finalmente adxudicatario, por 259.001,47 euros, das obras dun tramo de preto de 12 quilómetros da LU-P-2405, que é a estrada que conecta Guntín e Pardellas, en Friol por Entrambasaguas e San Román. Os traballos afectarán ao tramo que vai desde o inicio da estrada ao punto quilométrico 11,972 e consistirán na reapertura das cunetas, pavimentación do firme e sinalización.

“Unha actuación moi importante tanto para Guntín como para Friol, porque vén completar as obras que fixemos este outono nesta mesma estrada entre os puntos quilométricos 13,9 e 14,7 cun investimento de 26.000 euros e porque esta estrada dá servizo a rutas de sendeirismo de gran interese, como a de San Román da Retorta, o que incrementa o seu valor non só como vía de comunicación, senón tamén como acceso a recursos turísticos e naturais da zona”, valorou o deputado.

⚙ Configurar cookies
0.12712287902832