A Deputación presenta as liñas estratéxicas en materia de turismo para o 2025

A deputada Pilar García Porto presidiu a reunión do Consello Provincial de Turismo celebrado este venres
reunion-consello-turismo-deputacion
28 Feb 2025

A vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este venres no Salón de Plenos da Deputación unha reunión deste órgano participativo e consultivo, no que avanzou as accións da institución provincial para este ano 2025 e se ratificaron as bases dos Premios de Turismo que se celebrarán no mes de setembro.

García Porto sinalou que a institución provincial seguirá a reforzar o seu modelo de turismo de calidade e sostible, deseñado para posicionar a provincia como “un destino de referencia” baseado nunha oferta diversa e respectuosa co medio ambiente que é capaz de fomentar o desenvolvemento económico local. Entre as iniciativas destaca unha nova edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, este ano coa participación de 132 colectivos sen ánimo de lucro. “Unha acción que deseñamos no 2021 para apoiar a un sector tocado pola pandemia e co que xa conseguimos un retorno económico para a hostalaría e o turismo de máis de 600.000 euros”, valorou a deputada.

“A proxección nacional e internacional tamén seguirá a ser un eixo clave na estratexia turística da nosa provincia”, avanzou Pilar García Porto. Sinalou que a institución xa participou en este comezo de ano en feiras e eventos da transcendencia de FITUR, Dakar ou Madrid Fusión e ten ademais confirmada a colaboración en grandes citas deportivas, como La Vuelta. Ademais as rutas fluviais seguirán a ser unha proposta estratéxica fundamental na Ribeira Sacra durante o 2025. Esta oferta da Deputación superou todas as expectativas o ano pasado con máis de 61.000 viaxeiros nas rutas do Canón do Sil e Cabo do Mundo.

O Consello de Turismo ratificou ademais este venres as bases da sexta edición dos premios á excelencia do turismo da provincia nas diferentes categorías: Lugo Cambia ao Turismo Lucense, Turismo Sostible e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Un ano máis, poderanse presentar persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro de ámbito local e autonómico, nacional e internacional desde a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e coa intención de entregalos en setembro durante un acto público.

O xurado estará composto un ano máis polos representantes do Consello Provincial de Turismo que, nunha sesión extraordinaria, fallará os tres premios nas diferentes categorías. Estes galardóns teñen un carácter honorífico, igual que nas anteriores edicións, e consistirán nun diploma acreditativo e un agasallo.

REACCIÓN DO PARTIDO POPULAR

Os deputados populares Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro acusaron ao Goberno da Deputación de tratar o turismo como unha cuestión secundaria, “a pesar de ser un dos principais motores económicos da provincia”.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, sinalou que a reunión debería terse celebrado antes e que as accións de promoción da provincia deberían ser consensuadas cos demais membros. “Quitan as ganas de participar”, afirmou, denunciando que "non se permite facer achegas reais, xa que PSOE e BNG usan o Consello só para promover a imaxe do presidente e rexeitan calquera proposta alternativa".

Ademais, alertaron da crecente falta de asistencia ás reunións e instaron a abrir este órgano á participación dos seus membros e incluso incorporar novos representantes.

“O Consello Provincial de Turismo debería ser un espazo de debate e toma de decisións reais, con documentación e propostas que beneficien a promoción da provincia de Lugo. En cambio, converteuse nun instrumento para a autopromoción de José Tomé e os seus escollidos do PSOE”, denunciou Ameijide. O popular acusou a socialistas e nacionalistas de “desidia” e de manter unha política de “continuísmo”, en lugar de apostar pola innovación e o traballo efectivo para impulsar o turismo lucense.

⚙ Configurar cookies
0.13500189781189