A Deputación presenta as súas estratexias de desenvolvemento sostible ante a Rede de Entidades Locais da Axenda 2030 da FEMP

O deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, presentou en Madrid proxectos da institución provincial para apoiar os concellos do rural transfronteirizo e ás comunidades de augas da provincia
Axenda 2030 da FEMP
15 Mar 2025

A Deputación de Pontevedra expuxo en Madrid as súas iniciativas en materia de sostibilidade no marco da Rede de Entidades Locais da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, participou neste encontro no que destacou a estratexia provincial para transformar Pontevedra mediante criterios de sostibilidade económica, social e medioambiental, co obxectivo de apoiar os concellos e desenvolver proxectos propios.

Proxecto C2 Axenda 2030 Local

Un dos proxectos presentados foi C2 Axenda 2030 Local, unha iniciativa centrada na xeración de capacidades para facilitar a localización da Axenda 2030 nos pequenos municipios rurais a través da colaboración transfronteiriza.

"Buscamos aproveitar as sinerxías, identificar retos compartidos e xerar proxectos que beneficien a ambos lados da fronteira", explicou Guisasola.

Entre as súas actividades destacan:

  • Diagnose de necesidades municipais e desenvolvemento de ferramentas específicas.
  • Capacitación colaborativa, mediante seminarios e cursos formativos.
  • Identificación e concreción de proxectos transfronteirizos.
  • Creación dun observatorio, para integrar coñecementos e boas prácticas.

Este proxecto conta con sete socios, entre os que se atopan deputacións provinciais españolas e comunidades intermunicipais portuguesas, así como a Universidade de Vigo. O seu orzamento ascende a 800.000 euros, dos cales a Deputación de Pontevedra achega máis de 316.000 euros. Ademais, foi presentado á segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2021-2027 e desenvólvese en tres territorios transfronteirizos:

  • Pontevedra/Alto Minho
  • Cáceres/Beira Baixa
  • Huelva/Baixo Alentejo

Proxectos para a xestión da auga no ámbito rural

Ademais, Guisasola presentou as iniciativas en execución para mellorar a xestión da auga nas comunidades rurais de Pontevedra, co obxectivo de apoderar, apoiar e poñer en valor ás comunidades de usuarios de augas.

Entre as medidas clave deste proxecto destacan:

  • Creación da Oficina Técnica do programa +Aqua, para a legalización, tecnificación e profesionalización das traídas de augas veciñais.
  • Organización de xornadas comarcais, dirixidas ás directivas destas comunidades.
  • Encontros de traballo e colaboración, para compartir experiencias e boas prácticas.
  • Elaboración dun Libro Branco, con directrices para a xestión de comunidades de augas.
  • Creación dun Observatorio da Auga no ámbito rural, para definir e monitorizar indicadores clave e fomentar a cogobernanza.
  • Concurso escolar sobre a importancia da xestión sostible da auga, para sensibilizar á mocidade.
  • Distintivo de recoñecemento ás iniciativas máis innovadoras en xestión da auga.

Este proxecto recibiu case 250.000 euros de financiamento na convocatoria de axudas do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, destinada ao impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.

⚙ Configurar cookies
0.21575808525085