A Deputación presenta o Informe 2024 sobre a economía galega e a súa influencia nos servizos públicos

Tivo lugar na presentación do estudo “A economía galega. Informe 2024”, elaborado polo IIDEGA da USC
formoso-economia
3 Jul 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, puxo en valor a economía como un eixo esencial das políticas provinciais, aínda que o organismo non teña competencias directas neste ámbito. Segundo afirmou, dela depende “o máis sensible das sociedades, como é o sostemento dos servizos públicos”. “Ampliar un hospital, abrir unha escola infantil ou poñer en marcha un novo modelo de residencia, como vai facer a Deputación, non é posible sen os ingresos que xera a actividade económica”, subliñou.

Estas declaracións realizáronse na presentación do estudo “A economía galega. Informe 2024”, elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, coa colaboración da Deputación da Coruña e Caixa Rural Galega. No acto participaron tamén os profesores Dolores Riveiro García e Roberto Bande Ramudo, coordinadores do informe anual que se publica desde 1986.

Formoso explicou que o traballo analiza sectores como a agricultura, pesca, industria, construción, servizos, turismo, mercado laboral, sector público e comercio exterior, e destacou que o estudo é “unha ferramenta moi práctica” e unha “guía para o desenvolvemento de políticas” para as administracións.

Entre as principais conclusións, Dolores Riveiro sinalou o estancamento da renda agrícola en Galicia, a caída das descargas en lonxa e a baixa demanda na pesca, o aumento do emprego na industria, a baixada nos servizos, o incremento das exportacións lideradas pola automoción e o téxtil, e o elevado prezo dos alugueiros, que xa absorben metade dos ingresos da mocidade en certas zonas urbanas.

Roberto Bande advertiu que, a pesar dunha evolución favorable, o ritmo de crecemento do emprego “estase ralentizando” e a diferenza con España aumenta, xa que a comunidade galega aínda non recuperou os niveis de emprego previos a 2008. Tamén destacou a preocupación polo emprego autónomo, que cambiou tras o crecemento impulsado polas axudas en 2023.

⚙ Configurar cookies
0.28842711448669