A Deputación presenta o operativo de seguridade invernal para as estradas

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este venres en Ribeira de Piquín o Plan de Vialidade Invernal da institución para a temporada 2025-2026. Un operativo composto por 112 persoas e 64 máquinas que terá por obxectivo garantir unha resposta “áxil e eficaz” antes as incidencias que poidan xurdir relacionadas co mal tempo nos máis de 4.000 quilómetros na rede viaria provincial.
Tomé Roca argumentou que “a seguridade nas estradas é un dos principais eixos do Goberno provincial e que, dado que máis da metade das estradas provinciais superan os 600 metros de altitude, estes tramos están especialmente expostos ás inclemencias meteorolóxicas". Sinalou ademais a importancia de poder coordinar o traballo entre os medios propios da institución coas 8 empresas contratadas pola Deputación para a conservación e mantemento das vías no territorio. “A precisión de recursos está pensada para poder actuar con tres máquinas quitaneves e tres vehículos de apoio por cada zona, o que nos permitirá reducir ao máximo os tempos de resposta”, valorou.
A Deputación conta tamén cun total de 420 toneladas de sal distribuídas en 12 silos situados nos concellos de Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil. Estes silos tamén estarán dispoñibles para os 67 concellos da provincia en caso de emerxencias ou fortes temporais e cada un almacena 35 toneladas de sal de mina.
Na presentación acompañando ao Presidente, o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico; os deputados provinciais Pablo Rivera Capón, Xosé María Arias e Carlos López; e os alcaldes de Navia de Suarna, José Fernández Fernández; Cervantes, Benigno Gómez Tadín; Pedrafita do Cebreiro, José Luís Raposo Magdalena; e Meira, Antonio de Dios, entre outras autoridades.
O presidente da Deputación subliñou que o protocolo de actuación do Plan de Vialidade Invernal está a disposición dos 67 concellos da provincia para fomentar a colaboración entre administracións. "Poñemos á disposición dos concellos os recursos necesarios, tanto humanos como técnicos, para que poidan afrontar as emerxencias meteorolóxicas que afecten tamén ás súas estradas municipais".