A Deputación reivindica o feminismo cunha completa programación

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, leu este venres na Praza de San Marcos a declaración institucional aprobada por aclamación no Pleno do mes de febreiro da institución provincial con motivo do Día Internacional da Muller. Neste acto tamén participaron, entre outras autoridades, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o deputado de Medio Ambiente, Carlos López López.
“A Deputación de Lugo súmase un ano máis ás reivindicacións do Día Internacional da Muller. Reafirmando hoxe, e todos os días, o compromiso cos valores do feminismo e da plena igualdade como un obxectivo irrenunciable para poder consolidar democracias plenas. Nun momento histórico no que, por desgracia, novas e vellas ideoloxías, cuestionan a validez da democracia e a ameazan de cotío, a defensa dos dereitos das mulleres non é só a loita pola metade da humanidade, senón un movemento de loita pola liberdade da humanidade enteira”, avanzou Marisol Morandeira.
Na súa intervención recalcou que “as Nacións Unidas elixiu neste 2025 como lema do 8M Para as mulleres e nenas en toda a súa diversidade: Dereitos, igualdade e empoderamento. É un lema que quere, por unha parte, insistir nas necesidades básicas das mulleres, e lembrar o camiño percorrido nos 30 anos que levan transcorridos dende a firma da declaración de Pequín en 1995. Precisamente porque estamos ante tempos escuros, nos que se volven a poñer en cuestión dereitos básicos como a interrupción do embarazo, ou nos que se cuestiona a mesma existencia da violencia de xénero, cumpre poñer en valor os froitos que deu aquela declaración de Pequín. Antes de 1995, só 12 países tiñan sancións contra o que se denominaba violencia doméstica; hoxe ese número acada os 193”.
II Xornadas Feminismo = Igualdade
A Deputación de Lugo organiza con motivo do 8M a segunda edición das Xornadas Feminismo = Igualdade, que terán lugar o vindeiro 28 de marzo no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. O obxectivo desta iniciativa, que puxo en marcha a institución provincial o ano pasado, é, por unha banda, crear un encontro de debate e reflexión, ao tempo que busca concienciar á mocidade na perspectiva e na igualdade de xénero.
Esta xornada, aberta a público en xeral pero dirixida especialmente a alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, contará coa participación de mulleres de referencia para abordar cuestións de plena actualidade relacionadas coa discriminación de xénero e o empoderamento feminino. A asistencia é de balde ata completar o aforo e será necesario anotarse previamente enviando un correo electrónico a protocolo@deputacionlugo.org. O prazo está aberto desde este mesmo venres.
O encontro iniciarase ás 09:00 horas e, tras o acto de inauguración, abrirán o evento ás 09:35 horas, as creadoras de contido Towanda Rebels coa ponencia A igualdade fronte á desinformación e as loiadas. Seguidamente, ás 12:00 horas intervirán as consultoras Cristina Louzán e Priscila Retamozo de Prisma Expertas en Igualdade, coa charla Hackeando ao machismo. Por último, ás 13:30 horas a actriz Jazmín Abuín pechará a programación co monólogo riquiña!.
Actividades nos Centros de Atención a Maiores
A Deputación de Lugo tamén organizou diferentes actividades para conmemorar o 8M nos Centros de Atención a Maiores. Con esta iniciativa, que se realiza ano tras ano, a institución provincial achega a igualdade de xénero aos usuarios e usuarias dos Centros e promove a súa sensibilización ao respecto deste tema.
No CAM da Fonsagrada e no CAM de Meira realizaron este xoves e este venres a actividade Leva o mundo sobre os meus ombros e no meu pensamento o seu peso coa que os e as residentes reflexionaron sobre o papel das mulleres como soporte no ámbito familiar, económico e social.
No CAM de Pol fixeron o mural Nós, as mulleres, podemos facelo! no que se incluíron imaxes de varias usuarias inspiradas no famoso cartel creado por J. Howard no ano 1943.
Por último, no CAM de Navia de Suarna realizouse un bingo de mulleres referentes na historia e no CAM de Pedrafita do Cebreiro desenvolveuse A maleta da muller coa que simbolizaron as cargas impostas ás mulleres, así como as desigualdades e estereotipos.