A Deputación saca adiante os orzamentos e unha declaración contra a violencia de xénero

Carmela López Moreno destacou das contas que están asentadas nas políticas sociais, a mellora da mobilidade, cooperación cos concellos e o apoio aos sectores produtivos
pleno-deputacion-25n
25 Nov 2025

O Goberno da Deputación de Lugo sacou adiante este martes os Orzamentos da institución provincial para o vindeiro 2026, que superan os 135 millóns e euros “para consolidar o crecemento económico e social da provincia”. Soben máis dun 3,7% respecto aos do 2025 e darán continuidade o proxecto de impulso do benestar social, “apostando con firmeza polos servizos públicos”; e de fomento das actividades produtivas, “potenciando os sectores estratéxicos”.

Así os valorou o presidente, José Tomé Roca, antes da sesión plenaria que abandonaron os deputados do PPdeG antes da votación. O mandatario provincial cualificou de “lamentable” o seu comportamento, pediulles madurez política, seriedade e responsabilidade para “deixarse de espectáculos e poñerse a traballar”. “Levan cinco anos de rexeitamento sistemático á previsión de fondos da Deputación, porque teñen unha posición fixa de bloqueo, non do resultado dun análise real do contido dos presupostos”, reprochou. As contas da Deputación foron aprobadas grazas aos votos a favor do PSdeG e do BNG.

Durante o Pleno, a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, puxo en valor uns orzamentos que “están deseñados para avanzar no proxecto de progreso social e económico”, asentado nas políticas sociais, a mellora da mobilidade, cooperación cos concellos e o apoio aos sectores produtivos. Uns números “realistas”, porque se mantén o nivel de execución orzamentaria no 85%; “investidores”, porque soben aos 19,5 os investimentos reais e “profundamente sociais”, cunhas transferencias correntes que chegan aos 18,5M€.

Destacou tamén a “débeda cero” da institución provincial, proba dunha xestión “rigorosa, responsable e comprometida co uso eficiente dos fondos públicos”.

Compromiso coas políticas sociais

Os orzamentos reservan 41M€ ás políticas sociais. “Seguiremos tecendo a nosa rede de protección social, que é ampla e forte, con 41M€ que destinaremos a seguir poñendo a disposición da veciñanza residencias para maiores públicas e de calidade, ao SAF ou á Teleasistencia”, detallou a Deputada de Economía. Nese sentido, explicou que os Centros de Atención a Maiores dan cobertura a 300 persoas, a Teleasistencia domiciliaria coida doutras 2.000 e que mediante o Servizo de Axuda no Fogar, a Deputación coofinancia ao ano 200.000 horas de atención para preto de 2.000 usuarios e usuarias.

11,5M€ irán destinados aos Centros de Atención a Maiores, son case 700.000€ máis que o ano pasado. Uns fondos que servirán para manter en funcionamento as residencias de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil; e para continuar avanzando nos proxectos que a Deputación ten comprometidos noutros 9 municipios da provincia. Nese sentido, destacou que 4 –Becerreá, A Pontenova, Guitiriz e A Pobra do Brollón- abrirán a corto ou medio prazo.

A mellora da mobilidade seguirá concentrando un “importante esforzo investidor” de 27M€ por ser “o primeiro factor de igualdade territorial”. E detallou Carmela López Moreno que esa partida incluirá no 2026 a obra nova, conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil. Nese sentido, valorou que a institución provincial daralle continuidade “ao mellor plan de estradas da historia da Deputación” posto en marcha este ano, baseado en criterios técnicos, “co que estamos a realizar neste 2025 máis de 100 actuacións en 52 concellos da provincia, sen distinción de cores políticas”.

Explicou a Deputada que só a través do Plan Deputación a institución mobilizarán no 2026 22,25M€, cun incremento respecto a este ano de 250.000€, cumprindo así co acordo de Goberno de subilo nun millón de euros este mandato. Ademais destacou entre as políticas de apoio aos municipios o Centro de Innovación Territorial, un proxecto “pioneiro” que contará con 850.000€ achegados entre a institución provincial e o Goberno de España para situar o rural no epicentro das políticas de desenvolvemento.

Por outra banda, a Deputación reserva para o 2026 13,5M€ a políticas estratéxicas, que terán un impacto no sector primario, o comercio, a hostaleira e o turismo. Nese sentido, a Granxa Gayoso Castro contará cun investimento de 2M€; as políticas vencelladas ao turismo, subirán ata os 3,5M€; e a área de Medio Ambiente, outros 3,5M€.

Declaración institucional polo 25N

Aprobada ademais por unanimidade unha declaración institucional polo 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Mediante este texto a Deputación reafirma o seu compromiso “firme e irrenunciable” para erradicar a violencia exercida contra as mulleres e condena todas as formas de violencia machista, incluíndo a negociación ou a súa minimización. Nun ano no que van 38 mulleres asasinadas en todo o ano en todo o Estado Español, dúas delas en Galicia, a institución provincial mostra no texto o seu apoio ás vítimas, animando á cidadanía a actuar unida, rexeitando a violencia.

Emendas aos Orzamentos da Xunta

O Pleno tamén aprobou unha moción socialista esixindo á Xunta de Galicia que atenda ás necesidades relativas á provincia de Lugo incluídas nas emendas presentadas polo PSdeG nos seus Orzamentos para o 2026. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor dos socialistas e o BNG e os votos en contra do PPdeG.

“Moitas das emendas que se presentaron responden a débedas históricas coa provincia de Lugo”, sinalou Tomé Roca. Proxectos como o Porto Seco de Monforte, a VAC Costa Norte ou a Rolda Leste, que “entran e saen do debate en función da mercadoría do PP”, completou García Porto na sesión provincial. Necesidades do territorio relacionadas coa rede viaria, coa educación e coa sanidade, “un mapa detallado sobre os problemas que sofre a cidadanía lucense, sobre todo a do rural, no día a día”.

A moción acordada recolle ademais que a Xunta estude e atenda a esas necesidades reais, garantindo a execución das partidas orzamentarias prometidas para a provincia e os 82M€ necesarios para o desenvolvemento dos proxectos clave do territorio.

Residencias provinciais

A Deputación deu un paso decisivo cara á consolidación dun sistema público e homoxéneo de atención ás persoas maiores coa aprobación do convenio interadministrativo marco de cooperación cos concellos da provincia. Este instrumento establece unha ordenanza única para a organización e prestación dos servizos na Rede de Centros de Atención a Maiores, garantindo unha atención de proximidade, con estándares de calidade uniformes e cun sistema de prezos públicos adaptado á capacidade económica das persoas usuarias. Saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e BNG e coa abstención do PP.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, concretou antes da entrada ao Salón de Plenos, que o convenio marco pon as bases para que a Deputación poida asumir progresivamente a achega económica que ata agora recaía nos concellos, aliviando a súa carga financeira e reforzando o modelo público de xestión. Ademais, establece unha ordenación administrativa máis clara e eficaz, ao prever a aprobación dunha ordenanza provincial única para regular o acceso, os prezos públicos e o funcionamento destes servizos sociais, garantindo igualdade de condicións con independencia do municipio no que resida a persoa usuaria.

Co novo marco, a Deputación asume a contratación dos servizos necesarios para o funcionamento dos centros, dota de estabilidade aos equipos profesionais e asegura unha coordinación permanente coas administracións locais.

O BNG urxe á Xunta a incrementar os fondos para o SAF

A Deputación de Lugo demanda á Xunta de Galicia unha actualización urxente dos fondos para o Servizo de Axuda ao Fogar que prestan os concellos. A iniciativa do BNG, o pleno provincial aprobou este martes unha proposta que respalda a demanda da Federación Galega de Municipios e Provincias: un incremento urxente dos recursos, ata os 17 euros por hora prestada en 2025 para chegar aos 20 euros por hora en 2027.

A portavoz do BNG Iria Castro lamentou a negativa dos deputado e alcaldes do Partido Popular a respaldar esta demanda de financiamento para o SAF e acusou á Xunta de Galicia de “abondono institucional” ás persoas maiores e dependentes que precisan esta atención para vivir nas súas casas.“Sen financiamento, o SAF encamíñase a unha quebra técnica” advertiu a deputada nacionalista que subliñou que “quen sufren esta falta de financiamento son as persoas usuarias e as traballadoras, con soldos e condicións precarias”

Ademais de apoiar as demandas económicas da FEGAMP, a proposta aprobada polo goberno provincial incluía entre os puntos de acordo “demandar á Xunta de Galiza e á Administración Xeral do Estado o financiamento íntegro de servizos como o SAF, que segundo a lei, son servizos de competencia non municipal e que só poden estar xestionados de forma delegada atendendo ao principio de equilibrio financeiro” e “trasladar estes acordos á Consellería de Política Social e ao Ministerio de Derechos Sociales”.

O PP critica a votación en contra de PSOE e BNG "para mellorar a seguridade no Camiño de Santiago e a apoiar aos autónomos da provincia"

"O goberno provincial votou en contra dos autónomos e o a seguridade no Camiño na provincia das propostas do Grupo Provincial Popular no Pleno da corporación celebrado este martes", así o asegurou  Antonio Ameijide, que criticou este voto afirmando que “o que pedimos non son compromisos económicos millonario senón que a administración que mellor debería coñecer as vías provinciais colabore activamente, a iniciativa propia ou en colaboración coa Xunta de Galicia, para mellorar a seguridade dentro dos plans da Xunta de mellora constante do Camiño: xuntos o esforzo preciso será menor e o resultado, maior”.

Os populares reclamaban establecer vías de colaboración coas distintas administracións de cara a mellorar a seguridade nos puntos perigosos do Camiño de Santiago, nos tramos que conflúen coas estradas provinciais ao seu paso pola provincia de Lugo.

Os deputados do PP lamentan que "PSOE e BNG se negaran a apoiar e recoñecer aos autónomos da provincia e esixir ao Goberno de Sánchez menos cargas fiscais e cumprir o acordado no 2023 e as exencións previstas pola normativa europea". Sobre os convenios marco dos centros de atención a maiores, os deputados do PP abstivéronse na votación porque “vendo positiva a modificación que implica que a Deputación asuma todos os custos da xestión, liberando aos Concellos; non podemos apoiar a exclusión da residencia de Becerreá acabada e pechada por capricho político e, ademais, que se fagan diferenciacións entre as residencias, por exemplo, nos custes de mantemento en función da cor política do goberno local”.

⚙ Configurar cookies
1.1031649112701