A edición 2025 do programa estatal ‘Campus Rural’ ofrecerá 45 bolsas para estudantes das universidades galegas en concellos do rural.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, anunciou este mércores o lanzamento dunha nova edición do programa ‘Campus Rural’, unha iniciativa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que ofrece prácticas remuneradas en empresas, administracións públicas e entidades sociais situadas en concellos pequenos.
Branco explicou que a convocatoria actual ofrece 45 prazas en Galicia, ás que poderán optar estudantes das tres universidades públicas galegas —A Coruña, Santiago e Vigo—, que están xa inmersas no proceso de selección de bolseiros.
O delegado destacou o valor social do programa, que promove a conexión da mocidade co mundo laboral no rural e favorece a chegada de talento novo a proxectos locais. Ademais, subliñou que as prácticas inclúen a residencia obrigatoria no concello de destino, facilitando a inmersión dos participantes na vida cotiá das comunidades rurais.
A iniciativa enmárcase nun convenio entre o Goberno do Estado e a CRUE (Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas), coa colaboración das universidades galegas. En Galicia, a experiencia xa beneficiou a 96 estudantes nas súas tres primeiras edicións, cun investimento de máis de 400.000 euros.
Por provincias, os datos son os seguintes: Ourense lidera con 40 estudantes, seguida de Lugo (22), Pontevedra (19) e A Coruña (15).
A convocatoria de 2025 abrangue 750 prazas en toda España, en 44 universidades públicas. As prácticas contan cunha dotación económica de 1.000 euros ao mes, ademais dos gastos de Seguridade Social, e terán unha duración de entre 2 e 5 meses, ata un máximo do 14 de novembro.