A escola Paradai de Lugo inaugura o curso co plan de gratuidade nas garderías

O programa chega a máis de 32.000 familias galegas cun investimento de 65 millóns de euros
escola-infantil-Paradai-Lugo
5 Sep 2025

A Xunta de Galicia abriu o curso nas escolas infantís da rede pública autonómica, que suma máis de 170 centros distribuídos por toda a comunidade e arredor de 10.500 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Este é xa o cuarto ano consecutivo no que se aplica o programa de gratuidade, que se estende tanto aos centros dependentes da Administración autonómica como aos municipais, aos de iniciativa social e aos privados.

Segundo os datos do Goberno galego, máis de 32.000 familias benefícianse este ano da medida, o que lles permite aforrar ata 3.000 euros anuais por cada fillo ao non ter que pagar pola atención educativa. Para financiar o programa, a Xunta destina 65 millóns de euros de fondos propios, sen contar con achegas do Goberno central. Grazas a este modelo, Galicia mantense como referente educativo, sendo a única comunidade autónoma que ofrece oito horas diarias de atención gratuíta durante once meses ao ano.

O obxectivo para este novo curso é que Galicia continúe liderando a escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil, que se sitúa xa no 65 %, quince puntos por riba da media estatal e a niveis de países europeos como Suecia e Dinamarca.

Coincidindo coa volta ás aulas, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou a escola infantil Paradai, en Lugo. Alí lembrou que, ademais da gratuidade, a Xunta promove outras medidas de apoio á conciliación, como a creación de máis dun centenar de casas niño no rural —nas que tamén se ofrece atención gratuíta—, as axudas á crianza a través da Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia Familia, que permite ás familias contratar servizos de conciliación cando o precisen. Este bono poderá solicitarse a partir do vindeiro luns, 8 de setembro.

⚙ Configurar cookies
0.27683091163635