A Feira do Ferro de Riotorto presenta o seu programa para o 20 de abril

A XVI Feira da Artesanía do Ferro celebrarase en Riotorto o domingo 20 de abril, reunindo ferreiros procedentes de distintas partes de Galicia, España e Europa. Este evento, cunha fonda tradición, busca poñer en valor este oficio a través de demostracións en vivo, exposicións, música e actividades para todas as idades.
A xornada arrancará ás 11.00 horas coa apertura da feira, onde os ferreiros locais compartirán espazo con outros artesáns e produtores agrícolas. Ás 11.15 horas comezarán as demostracións doutros oficios tradicionais como a olería de Buño, a cestería de Lugo e o torneado de madeira de José Manuel, de Arzúa.
Ás 12.00 horas actuará o coro de Riotorto e, pouco despois, ás 12.15 horas, terá lugar a inauguración oficial da feira. O pregón será pronunciado por Benigno Fernández Salgado, profesor de filoloxía galega e fillo de ferreiro, quen destacará a relevancia desta arte tradicional.
Un dos momentos máis esperados da xornada será a demostración en vivo de artesanía do ferro, que dará comezo ás 12.30 horas. Entre os participantes estarán os Ferreiros de Riotorto: Manuel Alonso (MAF), Agustín Iglesias (FY), José Mario Cabo (JOMACA) e Óscar Villada (AV); tamén estarán presentes outros artesáns como Friedrich Brasmsteidl, un ferreiro austríaco; Alberto Leis, de Santiago de Compostela, e representantes do Centro de Interpretación da Forxa (Forjas Brun-Navarra).

Para o público infantil, ás 12.45 horas terá lugar un taller de forxa dirixido por Friedrich Brasmsteidl. Ao mesmo tempo, a Charanga El Tattoo de Ourense animará o recinto cun espectáculo musical itinerante que incluirá lume e malabares.
Pola tarde, a Charanga El Tattoo regresará ás 16.30 horas para seguir amenizando o evento. Ás 17.00 horas retomaranse as demostracións de oficios tradicionais, incluíndo exhibicións de pirogravado e torneado de madeira.
A clausura do evento será ás 19.00 horas cun espectáculo infantil a cargo de Roberto Lolo no atrio da igrexa. Durante toda a xornada, a música correrá a cargo dos Gaiteiros de Riotorto e da Charanga El Tattoo.
O evento disporá dun recinto feiral cuberto baixo carpa e contará cun servizo de degustación de polbo e outras especialidades gastronómicas típicas. A feira está organizada polo Concello de Riotorto e os Ferreiros de Riotorto, coa colaboración de Artesanía de Galicia e a Xunta de Galicia.
TRADICIÓN
A Feira do Ferro que se celebra en Riotorto dende o ano 2007 no mes de abril é un gran encontro, un dos piares clave da súa economía. Xurdiu a iniciativa de catro amigos que en 2006 comezaron a pensar en como promover a súa profesión.
Na actualidade na zona de Riotorto hai aproximadamente unha ducia de persoas facendo pezas de ferro, pero a súa situación non é sinxela. “Séguese consumindo moito ferro, séguense demandando pezas para o monte e para as plantacións, ademais de utensilios sinxelos para as casas, pero comparado con hai anos vai descendendo. En tódolos sitios unha ferramenta manual fai falla, o sector das ferramentas é necesario, pero a artesanía non pode competir cos prezos das fábricas”, din dende a asociación.
O proceso manual que fan os ferreiros é moito máis laborioso e custoso, polo que se encontran cunha problemática, “existe un círculo vicioso no campo, a xente que demanda as ferramentas tamén ten problemas para vender a súa produción, como a leite ou os produtos de horta. É unha cadea, se eses prezos están baixos nos temos que baixalos para que poidan acceder ás ferramentas. Se non hai cartos móvese todo con dificultade. Se encontran un coitelo por dous euros cómprano, pero logo tamén ven que a calidade non é a mesma”.