A Filmoteca de Galicia presenta ciclos dedicados a David Lynch, Frans van de Staak e Albertina Carri

A Filmoteca de Galicia presenta unha ampla renovación da súa carteleira mensual para abril, na que destacan tres novos ciclos dedicados a recoñecidos cineastas internacionais: David Lynch, Frans van de Staak e Albertina Carri. O primeiro deles arrinca na Sala José Sellier da Coruña cunha retrospectiva completa sobre David Lynch, o icónico director estadounidense falecido o pasado mes de xaneiro.
Este ciclo especial, que se estenderá ata mediados de maio, inclúte todas as longametraxes de Lynch e unha selección das súa curtas máis emblemáticas. A primeira sesión ofrecerá as curtametraxes Six Men Getting Sick, The Alphabet, The Grandmother, The Amputee e Lumière y compañía, que se proxectarán mañá e o venres 4. O día 2, proxectarase Cabeza borradora, a primeira longa do director, que xa adianta o seu interese polos universos sobrenaturais e a convivencia co cotián, unha constante na súa filmografía.
O ciclo permitirá ao público redescubrir en pantalla grande filmes icónicos de Lynch como El hombre elefante (8 e 9 de abril), Twin Peaks: fuego camina conmigo (10 e 11), Carretera perdida (16 e 22), Una historia verdadera (23 e 24), Mulholland Drive (25 e 26) e Terciopelo azul (29 e 30).
O segundo ciclo, Frans van de Staak: la palabra en archipiélago, realízase en colaboración co Festival Internacional de Cine Documental de Navarra Punto de Vista, o Eye Film Museum e a Embaixada dos Países Baixos en España. O director do certame pamplonés, Manuel Asín, presentará este especial na Filmoteca de Galicia o xoves 3 de abril. O ciclo abrangue seis sesións con 11 filmes agrupados segundo a súa temática ou cronoloxía.
A mediados de abril, a Sala José Sellier acollerá o ciclo Albertina Carri: Territorios mutantes e cartografías queer, que traerá a Galicia a obra desta cineasta arxentina, recoñecida pola súa mirada irreverente e transgresora. O programa entronca con Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, proxecto da Filmoteca en marcha desde outubro. Dentro deste marco, o 15 de abril, Albertina Carri manterá un encontro co público e presentará a súa nova película, ¡Caigan las rosas blancas!, recentemente seleccionada no Festival de Rotterdam.
O ciclo incluirá a proxección de Los rubios (11 e 16 de abril), unha longametraxe autobiográfica sobre a memoria da ditadura arxentina, así como Géminis (22 de abril), Las hijas del fuego (24 de abril) e Cuatreros (30 de abril), filmes que exploran a memoria histórica e a militancia queer.
O programa de abril complétase con diversas propostas. Fóra de serie, sección habitual da Filmoteca, proxectará La marsellesa de los borrachos, de Pablo Gil Retuerto, os días 1 e 2 de abril. Ademais, o 23 de abril presentarase o Caderno FICBUEU#5, dedicado a Jonas Mekas, con participación da autora Nieves Febrer e a proxección dunha escolma de curtas do cineasta.
No marco de Filmoteca Jr., o 12 de abril exhibirase o clásico de Fritz Lang Los contrabandistas de Moonfleet. Pola súa banda, Off Galicia ofrecerá o documental Lévame a idea o día 29 de abril, un traballo de Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso que pon en valor o papel das mulleres na preservación da cultura popular galega.