A Furgoteca celebra o seu segundo aniversario con 180 escolares en Triacastela

O acto contou cun concerto de Pakolas e cunha entrega de libros, representando unha mostra das diversas actividades que A Furgoteca leva a cabo ao longo do ano
Celebración-aniversario-Furgoteca-Triacastela
14 Feb 2025

Triacastela acolleu a celebración do segundo aniversario de A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, cun evento especial no que participaron 180 escolares de distintos colexios de infantil e primaria dos concellos que forman parte da súa ruta na provincia de Lugo.

O acto, que tivo lugar no pavillón da localidade, contou cun concerto de Pakolas e cunha entrega de libros, representando unha mostra das diversas actividades que A Furgoteca leva a cabo ao longo do ano.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou a importancia deste servizo, que desde 2023 percorre os concellos do rural lucense e ourensán, "cumprindo coa responsabilidade do Goberno galego de facer accesible a cultura a todas as persoas e en calquera lugar". Ademais, subliñou que a iniciativa se converteu "nun importante polo de dinamización cultural no rural, neste caso no interior galego, en consonancia con outra das nosas iniciativas, a Rede Adival".

MÁIS DE 400 ACTIVIDADES DA MAN DA FURGOTECA

Desde o seu inicio, A Furgoteca visitou 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense, acadando cifras destacadas: máis de 29.000 préstamos realizados, máis de 24.000 visitantes e máis de 400 actividades de dinamización cultural, que inclúen xogos, obradoiros e sesións de narración oral.

López Campos sinalou que "estes resultados que agardamos continúen nesta senda e medrando, e máis cando vimos de poñer en marcha no comezo deste ano unha nova Furgoteca aumentando o servizo a outros 10 municipios da área occidental de Ourense". O conselleiro explicou que esta ampliación responde á gran acollida da iniciativa entre a poboación, o que impulsou a Xunta a reforzar o servizo.

Con esta acción, a Xunta de Galicia segue a cumprir cos obxectivos da Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, que promove o acceso universal á cultura, facendo especial fincapé en paliar as limitacións xeográficas e garantindo que todos os galegos, independentemente do lugar onde residan, conten con opcións de lecer e lectura.

Ademais, o titular de Cultura destacou "a efectividade das políticas do Goberno galego no que respecta a accións vencelladas ao libro e ao fomento da lectura". Neste sentido, lembrou que Galicia rexistrou un incremento na taxa de lectura habitual, alcanzando o 66,2% segundo os datos do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España en 2024. Este dato supón un aumento de 5,7 puntos respecto ao ano anterior e sitúa a Comunidade galega por riba da media estatal.

0.10265803337097