A Furgoteca duplica o número de persoas usuarias e consolídase como motor cultural no rural galego

O servizo de Bibliotecas Móbiles da Xunta de Galicia, coñecido como A Furgoteca, conta na actualidade con 2.648 persoas usuarias, máis do dobre dos carnés rexistrados no ano 2024.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Anxo M. Lorenzo, lembrou que A Furgoteca botou a andar en 2023 en 20 concellos do rural da provincia de Lugo e do sur de Ourense, todos eles municipios de menos de 20.000 habitantes que carecían de servizo de biblioteca. Segundo subliñou, a acollida foi moi positiva desde o inicio, como amosan os datos de 2024, cando o programa xa contabilizaba 1.764 persoas usuarias, máis de 17.200 préstamos realizados e un total de 12.392 visitantes.
Á vista destes resultados, a Xunta decidiu incorporar a comezos de 2025 unha terceira ruta, coa que se ampliou o servizo de dinamización lectora a outros dez concellos do oeste de Ourense. Anxo M. Lorenzo explicou que esta medida se enmarca na aplicación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, unha normativa pioneira que ten como obxectivo achegar a cultura a toda a cidadanía, con independencia do lugar de residencia ou das condicións socioeconómicas, cognitivas ou comunicativas.
Coa posta en marcha destas tres rutas, A Furgoteca conseguiu en 2025 dobrar o número de persoas usuarias, ao tempo que incrementou nun 37,5 % o volume de préstamos e nun 48,7 % o número de visitantes. Uns datos que, segundo o director xeral de Cultura, reflicten a importante contribución deste servizo á accesibilidade cultural e á dinamización do interior e do rural galego.
Na provincia de Lugo, a ruta de A Furgoteca achega propostas culturais e de lecer aos concellos de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Pola súa banda, a ruta de Ourense Sur leva accións de fomento da lectura a Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós.
No caso da ruta de Ourense Occidental, da que forma parte Ramirás, o servizo amplía o seu percorrido a outros nove concellos: Lobeira, Muíños, Padrenda, A Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus e Verea. As rutas de A Furgoteca visitan dúas veces ao mes cada un dos concellos participantes, asentándose nunha das xornadas nos puntos de maior afluencia de público e achegándose na outra ás parroquias e aldeas para ofrecer unha atención máis próxima e personalizada.