A gripe mantense estable en Galicia e con intensidade baixa

A Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana 10 que determina que a intensidade da gripe en Galicia continúa sendo baixa e a tendencia estable.
Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria foi igual á da semana previa, acadando as 42,6 consultas por 100.000 habitantes.
Por grupos de idade observouse un aumento da taxa nas persoas de 20 a 59 anos e de menor intensidade no grupo de 60 a 79 anos. O grupo coa maior taxa de consultas foi o de 0 a 4 anos, con 59,4 consultas por 100.000 habitantes. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi superior á da semana anterior en todas elas, agás nas da Coruña, Pontevedra e Vigo.
A rede de farmacias sentinela, que nesta campaña remiten os seus datos á Dirección Xeral de Saúde Pública, reflicte que a taxa de dispensación de antigripais aumentou un 18,7 % en comparación coa semana previa, mentres que a dispensación de probas de antíxenos mantívose estable.
En canto aos ingresos hospitalarios, ingresaron 241 persoas con gripe confirmada, un 5% menos que na semana anterior (254). A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 8,9 por 100.000 habitantes, sendo o grupo de 80 e máis anos o que presentou a taxa máis elevada (41,5 ingresos por 100.000 habitantes). Non obstante, en comparación coa semana anterior, a taxa de ingresos só aumentou na Área Sanitaria de Ourense.
No que vai de tempada notificáronse 2.388 ingresos, a maioría deles, 1.997, con virus do tipo A.
Respecto da positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, foi do 19,7 %, o que supón un aumento respecto da semana anterior, que foi do 17,7 %. A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 1,5 %, polo que a positividade dos virus da gripe foi do 21,1 %, lixeiramente superior á da semana anterior (19,7 %).
Evolución covid e VRS
O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que ingresaron 22 persoas con covid confirmada, o que supón unha taxa de ingresos superior á da semana previa, na que houbo 11 hospitalizacións. En relación ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos mantívose estable en todas elas, agás na de Lugo, na que se observou un aumento.
Pola súa banda, no que atinxe ao virus respiratorio sincitial (VRS), a taxa de ingresos no conxunto da poboación descendeu en relación á semana anterior, sendo agora de 0,4 ingresos por 100.000 habitantes. Por grupos de idade, a taxa descendeu ou mantívose estable, destacando o descenso do 85,8 % observado no grupo de 80 e máis anos. O mesmo ocorre coas áreas sanitarias, nas que non se observou ningún aumento da taxa de ingresos.
Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que, nas vindeiras dúas semanas, a taxa de consultas por gripe descenda de 42,6 consultas por 100.000 habitantes a 38,2 e 35,5 nas semanas 11 e 12, respectivamente.
O escenario desta semana é algo diferente ao da anterior, cunha desaceleración da taxa de consultas, que se mantivo igual á da semana previa. A taxa unicamente aumenta nos grupos de idade de 20 a 59 anos e máis lixeiramente no de 60 a 79 anos. Tamén a diferenza da semana anterior, a positividade para o virus de tipo A volve aumentar, aínda que este aumento só foi de dous puntos porcentuais.
A situación epidemiolóxica da gripe segue a reflectirse a nivel asistencial, como mostra a taxa de ingresos que descendeu un 5 % en relación á semana anterior. Ademais, esta taxa non aumentou en ningún grupo de idade, é dicir mantívose estable ou descendeu en todos eles.
Polo tanto, aínda que parece que se está a producir unha desaceleración do descenso da taxa de consultas, é preciso continuar coa vixilancia para confirmar a tendencia da actividade gripal, sobre todo ante a posible influencia da festividade do Entroido.
A Xunta lembra a recomendación do uso da máscara en pacientes con síntomas respiratorios, ademais dos seus acompañantes e visitas, e no caso dos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.