A Holi Gaiás volve o 7 de xuño con música, cor e solidariedade

A Xunta de Galicia convida á cidadanía a celebrar a primavera coa sétima edición da Holi Gaiás, que terá lugar o sábado 7 de xuño no Monte Gaiás de Santiago. Trátase dunha carreira lúdica, non competitiva e chea de cor, coa que se procura fomentar hábitos saudables e promover a participación familiar ao aire libre.
A carreira principal terá un percorrido de 5 quilómetros e contará cunha versión adaptada para crianzas menores de 10 anos, a Peque Holi, de 700 metros. A actividade contará con música, coreografías e lanzamento de po de cores, e haberá premios para as mellores marcas nas categorías infantil e adulta.
As inscricións poden realizarse a través da páxina www.carreirasgalegas.com, cun custo de 6 € para a carreira principal e 4 € para a Peque Holi. Como novidade, 1 euro de cada dorsal irá destinado á Fundación Andrea, entidade que traballa con nenos e nenas con enfermidades crónicas ou terminais. Tamén se poden adquirir dorsais solidarios.
A saída da Peque Holi será ás 11:30 h e a carreira principal ás 12:00 h. A recollida de dorsais realizarase o venres 6 e o propio día da carreira na Cidade da Cultura. A actividade conta co patrocinio de Viaqua e a colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis.