A hospitalización e os novos contaxios volven crecer tralo parón de onte

GaliciaXa
Balance da situación da covid-19 nas distintas comarcas da provincia de Lugo. Casos activos, contaxios e defuncións concello a concello.
test covid palito
1 Ago 2021

Altas volven paliar o aumento de casos activos malia o crecemento de novos contaxios nesta xornada de domingo e tralo parón de onte. Co pico xa preto ou mesmo sobre el, espérase que os casos volvan controlarse nas próximas xornadas. Preocupa a hospitalización que volve subir.

Así, hoxe hai 2.266 casos activos, o que supón 48 máis que onte. Esta cifra obtense polos 170 novos contaxios que sumaron en 24 horas e as 126 altas.

Na xornada de onte foi de 6 o aumento de casos activos, con 123 novos positivos e 119 altas.

Ademais, dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 16.374 casos rexistrados e 218 persoas falecidas.

A presión hospitalaria volve subir a 44 persoas ingresadas (4 máis). Hai un paciente máis na UCI do Hula e xa son 4 e nas plantas hai 40 (3 máis), 25 no Hula (1 menos), 12 na Mariña (4 máis) e 3 en Monforte.

Dende o sábado o sistema de alerta permanecerá do seguinte xeito:

  • En alerta máxima: Burela, Foz, Viveiro e Monterroso.
  • En alerta alta: Lugo, Chantada, Monforte, Cervo, Ribadeo e As Pontes.
  • No nivel medio: Sarria, Vilalba, Mondoñedo, Barreiros e O Valadouro.

POR COMARCAS

Na Mariña, os concellos que tiñan a incidencia disparada empezan a baixar bruscamente os novos positivos. Na Terra Chá só Cospeito e Outeiro de Rei teñen valores en alza. A incidencia en Lugo segue disparada e aumenta bruscamente en Palas. Tamén se extende pola zona da montaña, un lugar onde non afectou moito en toda a pandemia. No Sur, estabilidade en case todos os concellos agás en Monforte, que suma.

A Mariña

  • Viveiro ralentiza o crecemento ata 225 casos (26 menos), Cervo baixa a 32 casos (7 menos), Burela reduce a 179 (1 menos), Foz baixa a 135 (10 menos), Xove segue con 17 e Alfoz reduce a 10 (1 menos), todos en valores de alerta alta ou máxima. Ourol, con menos de dez, volve estar en zona de risco.
  • Con incidencia preto da alerta están Barreiros, que baixa a 16 (1 menos); Mondoñedo segue en 21; O Valadouro, que mantén 13, e Lourenzá, que segue con 12, e O Vicedo con menos de 10. Únese Ribadeo, que reduce a 72 casos (12 menos). Únese A Pontenova, que aumenta a incidencia.
  • Con algún caso activo e incidencia baixa está Trabada.
  • Riotorto leva limpo 15 días.

Terra Chá

  • Coa incidencia controlada están Vilalba, que baixa a 59 casos (2 menos) e As Pontes que segue en 55.
  • Rábade queda en 15 casos e está con incidencia moi alta.
  • Cospeito sobe a 16 casos (2 máis), Abadín mantén 1o e Meira, con menos de 10, teñen a incidencia alta. Únese de novo Outeiro de Rei, que sobe a 24 casos (4 máis).
  • Guitiriz (con menos de 10 casos), Friol, Castro de Rei, Xermade, A Pastoriza e Begonte teñen casos pero con baixa incidencia.
  • Pol leva unha semana sen casos.
  • Sen positivos dende hai máis de quince días está Muras.

Centro da provincia

  • Os casos en Lugo seguen crecendo ata 670 (41 máis).
  • Monterroso segue con 47 casos, Palas sobe a 33 (10 máis), A Fonsagrada sobe a 17 e Antas de Ulla con menos de dez teñen a incidencia alta. Debuta Negueira de Muñiz, que practicamente non tivo casos.
  • O Corgo, con 11, e Portomarín, Castroverde, Baleira con menos de dez teñen a incidencia fóra da zona de alerta pero elevada. Únese Ribeira de Piquín.
  • As Nogais e Guntín teñen menos de dez positivos pero con baixa incidencia.
  • Cervantes, Pedrafita e Baralla están sen casos na última semana. Únese Navia de Suarna.
  • Limpos de covid nos últimos quince días permanece Becerreá.

Comarca de Sarria

  • Sarria rebaixa a 52 positivos (4 menos) coa incidencia en fóra da zona de risco.
  • O Páramo está con valores altos e Samos preto de alerta con menos de dez casos os dous.
  • Paradela sitúase con Láncara en valores baixos de incidencia.
  • Triacastela está sen casos dende hai 7 días.
  • O Incio segue limpo de covid dende fai dúas semanas.

Ribeira Sacra

  • Monforte sobe a 96 casos (7 máis), en zona fóra de valores de alerta.
  • Chantada baixa a 65 casos (2 menos).
  • Carballedo sobe a 12 (1 máis) coa incidencia moi alta. Únese Quiroga con menos de dez.
  • Taboada con 12, O Saviñao con 13 , con menos de dez casos, están en valores preto de alerta. Únense Pantón, Sober (que empeoran) e Bóveda con 10 (que mellora).
  • Folgoso do Courel e A Pobra de Brollón teñen xa a incidencia baixa.
  • Ribas de Sil leva unha semana limpo.

AS RESTRICIÓNS

Nas zonas de nivel máximo poderán entrar nestes locais aqueles que teñan certificado de vacinación completa, que pasaran a enfermidade ou teñan un test negativo. Os aforos están no 30% en interior e no 50% en exterior e os horarios manteranse como ata o de agora, con peche ás 1.00 horas.

Nas zonas de nivel alto, o aforo será do 50% en interior e exterior e esixirase os mesmos documentos para entrar. O ocio nocturno permanecerá pechado nos 36 concellos en alerta máxima.

Por último, en nivel medio os aforos tamén estarán limitados ao 50% en interior e exterior, e en nivel medio baixo, ao 50% en interior e 100% en exterior. Nestes casos non será necesario presentar a acreditación obrigatoria dos niveis máis altos de restricións.

Para o ocio nocturno, que pode seguir aberto, as restricións serán as mesmas que ata o de agora, presentar probas, rexistro de clientes e medidor de CO2.

En toda Galicia, quedan prohibidas as reunións de máis de 6 personas no conviventes en interiores e de 10 en exteriores, ou de máis de dúas unidades de conviventes nos dous casos. Os non conviventes tampouco poderán reunirse entre a 1.00 e as 6.00 horas nos concellos con nivel alto e máximo e entre as 3.00 e as 6.00 no resto.

Non haberá peche perimetral en ningún dos concellos.

0.1407618522644