A investigadora Elena Pazos recibe 150.000 euros para un proxecto contra o cancro de ovario

A investigadora Elena Pazos Chantrero, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC), foi seleccionada para recibir un financiamento de 150.000 euros destinado a desenvolver un proxecto de investigación centrado no cancro de ovario.
A iniciativa, denominada Peptoc, levarase a cabo durante 18 meses e contará coa colaboración do investigador Juan Fafián Labora, do Grupo de Investigación en Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR) do mesmo centro.
O proxecto Peptoc está financiado a través do programa ERC Proof of Concept, unha iniciativa do Consello Europeo de Investigación (European Research Council, ERC) dirixida a persoal investigador que xa conta con proxectos financiados por este organismo —como é o caso de Elena Pazos—, co obxectivo de explorar o potencial comercial e innovador dun resultado xerado durante o desenvolvemento do proxecto principal.
A investigación parte de resultados preliminares obtidos en estudos con liñas celulares, nos que se identificou unha familia de péptidos con alta selectividade, capaces de eliminar células tumorais resistentes á quimioterapia sen afectar ás células sas. O obxectivo agora é validar estes achados nunha contorna biolóxica máis complexa e estudar a súa viabilidade para un desenvolvemento clínico a longo prazo.
Ciencia responsable para terapias máis seguras
O equipo investigador subliña que o proxecto se atopa nunha fase temperá de desenvolvemento. Aínda que os resultados iniciais son prometedores, consideran que é cedo para falar de aplicacións clínicas. Por iso, insisten na importancia de comunicar estes avances con rigor, evitando xerar expectativas pouco realistas.
Ademais da validación experimental, o proxecto contempla a protección intelectual dos resultados e a análise do seu potencial de transferencia a futuras aplicacións terapéuticas.