A Liga Galega de Parapente de Precisión trasládase a Mondoñedo os días 4 e 5 de outubro

A cita reunirá a 25 pilotos e desenvolverase no Padornelo, un dos enclaves máis valorados polos afeccionados a este deporte
Club-Parapente-Ferrol-foto-setembro
30 Sep 2025

A Liga Galega de Parapente de Precisión, prevista para esta fin de semana, celebrarase finalmente os días 4 e 5 de outubro en Mondoñedo debido ás condicións meteorolóxicas. O evento, organizado polo Club Parapente Ferrol co apoio do Concello mindoniense, contará coa presenza duns 25 participantes que se medirán no Padornelo, un escenario considerado privilexiado polos practicantes desta disciplina.

O campionato será de precisión, unha modalidade na que os pilotos despegan desde un punto elevado e deben aterrar o máis preto posible do centro dunha diana situada no chan. Non importa o tempo de voo, senón a exactitude do aterraxe. Cada deportista dispón de varias tentativas e resulta vencedor quen mellor logre aproximarse ao obxectivo.

O calendario da proba prevé dúas xornadas, unha estrutura pensada para adaptarse á inestabilidade do tempo na zona. O que marca a competición non son os días disputados, senón o número de mangas válidas completadas. Así, se nunha soa xornada se poden realizar cinco ou seis intentos puntuables, o resultado do campionato quedaría decidido.

Trátase ademais dunha cita mixta, cunha participación compartida entre homes e mulleres. O propio club lembra que conta con varias pilotos en activo e destaca a importancia de reforzar a presenza feminina neste deporte.

A elección de Mondoñedo responde tanto ao apoio institucional como ás condicións naturais que ofrece o Padornelo. O enclave combina despegues técnicos e aterraxes seguros, nun marco natural que é moi apreciado pola comunidade do parapente.

A actividade do club non se limita a esta proba. Durante o ano desenvolven tamén voos noutros puntos da Mariña, como o monte Comado, en Barreiros, onde realizan xornadas de ata catro horas de voo, ou a praia de San Román, en O Vicedo, que tamén presenta condicións favorables para a práctica desta disciplina aérea.

⚙ Configurar cookies
0.31906414031982