A maioría do persoal das escolas infantís 0-3 apoia a campaña de recollida de sinaturas por un convenio galego para o sector

Esta mañá, delegadas de CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, fixeron entrega no rexistro da Xunta de Galicia de 1.025 sinaturas recollidas entre as traballadoras e traballadores das escolas infantís 0-3. Isto supón o apoio de máis da metade do persoal do sector en Galiza.
A entrega de sinaturas estivo acompañada por unha concentración na que se esixiron mellores condicións laborais e salariais, así como a necesidade de que a conselleira de Política Social actúe como interlocutora coas empresas do sector para negociar un convenio galego.
Segundo denuncia o sindicato, o persoal destas escolas é un dos colectivos máis precarizados laboralmente en Galiza, malia a enorme responsabilidade e a importancia social do seu traballo. A recente sinatura en Madrid do XIII Convenio estatal supón unha simple prórroga do anterior, mantendo salarios conxelados desde 2021 e por debaixo do SMI.
“É unha involución e un desprezo ao traballo que realizamos, que afecta directamente á calidade da atención educativa”, sinalaron as delegadas na concentración. Denuncian tamén que o convenio se asinou sen consultar ás traballadoras, malia ter levado a cabo seis xornadas de folga en Galiza contra a súa aprobación.
Un convenio galego para mellorar condicións
A campaña “Pola mellora das condicións laborais, sociais e salariais: convenio galego xa” logrou o respaldo maioritario do sector, recollendo máis de 1.000 sinaturas para esixir un marco galego de relacións laborais.
Segundo a CIG-Ensino, a sinatura do XIII Convenio estatal non responde ás necesidades do persoal en Galiza, xa que o sector está totalmente subvencionado pola Xunta. Ademais, as organizacións sindicais que asinaron o convenio en Madrid teñen unha representación mínima en Galiza.
“O Goberno galego mantén oculta unha realidade de explotación laboral e salarios baixos”, denunciou Henrique García, responsábel do sector de Ensino Privado en CIG-Ensino. “Préstase un servizo ‘low cost’ a costa da precariedade das traballadoras”.
As educadoras denuncian que seguen cobrando o SMI desde 2021, e moitas compañeiras incluso están por debaixo desta cantidade.
“Somos traballadoras pobres, segundo a Carta Social Europea. Facemos 38 horas semanais de atención directa, pero ademais temos que programar e preparar materiais fóra do horario laboral sen remuneración”, sinalou Natalia Seijo, delegada de CIG-Ensino e educadora nunha escola infantil de Santiago.
Mobilizacións en marcha
De non producirse avances na negociación, as traballadoras están dispostas a iniciar un proceso de mobilizacións para esixir o cumprimento das súas demandas.