A manifestación pola lingua do 17 de maio rematará cunha foliada na Praza do Obradoiro

Queremos Galego chama á participación nunha mobilización festiva e reivindicativa, acompañada dunha homenaxe á cultura popular galega.
Manifestacion Letras Galegas-min
28 Mar 2025

A plataforma Queremos Galego vén de anunciar esta mañá a convocatoria dunha nova manifestación nacional para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, que culminará cunha grande foliada na Praza do Obradoiro. "Será unha homenaxe masiva á lingua e á cultura popular que resistiu durante xeracións na voz das cantareiras", afirmou Celia Armas, coordinadora da plataforma.

A organización fai un chamamento a agrupacións, asociacións e colectivos da música galega a sumarse á foliada, e anima a todas as persoas asistentes á manifestación a levar as súas pandeiretas. “A música e a forza da nosa lingua volverán tomar as rúas de Compostela fronte aos enganos da Xunta”, declarou Armas.

A foliada estará enmarcada dentro dun novo proceso participativo chamado Lingua vital, que será presentado oficialmente o 17 de maio na mesma praza do Obradoiro. Este proceso, segundo explicou o voceiro Marcos Maceira, pretende avaliar o grao de cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e doutros acordos nacionais e internacionais en defensa do idioma, así como detectar os obstáculos que impiden a súa aplicación.

Maceira denunciou que a Xunta “exclúe as entidades sociais, desertou das súas obrigas e lexisla contra o galego”, e sinalou que a resposta da sociedade será a mobilización e a acción colectiva. “O compromiso asumido na Declaración unitaria pola lingua e ratificado o pasado 23 de febreiro terá continuidade o 17 de maio con outra gran mobilización”, asegurou.

⚙ Configurar cookies
0.11549091339111