A Música do Carme: Hija de la Luna será a actuación destacada no día grande

A música e o baile forman parte da esencia das festas da Virxe do Carme, e este ano, contarase cunha proliferación de grupos e artistas convidados para que todos os habitantes da localidade pontesa, e de todas as idades, desfruten destas patronais.
HIJA DE LA LUNA
O prato forte da programación cultural deste ano é o espectáculo Hija de la luna, considerada “a mellor homenaxe a Mecano do mundo”. Terá lugar o venres 18, ás 22.00 horas, na praza de América. Será despois da lectura do pregón, que cambia de localización debido ás previsións meteorolóxicas e será no Cine Alovi.
É un espectáculo protagonizado por Robin Torres, que volve aos escenarios tras 7 anos de xira e máis de 300 concertos por España e Latinoamérica, conquistando a miles de espectadores coa súa impresionante homenaxe a unha das bandas máis icónicas do pop en español.
Nesta nova etapa, Hija de la Luna rende tributo á xira máis importante de Mecano, a do seu disco Descanso Dominical, o máis vendido da súa carreira e un fito que os consolidou como lenda.
O espectáculo foi completamente renovado: novas coreografías, vestiario espectacular e unha escenografía brillante, todo coidado ata o máis mínimo detalle para revivir a esencia dun auténtico concerto de Mecano.
A crítica foi unánime: Hija de la Luna é a mellor homenaxe a Mecano ata a data, e agora, o público das Pontes poderá gozar desta experiencia única e emocionante dentro do marco das Festas do Carme 2025.
Unha noite para cantar, emocionarse e volver vivir, coma se fose a primeira vez, os grandes éxitos de Mecano: Cruz de navajas, La fuerza del destino, Mujer contra mujer, Me cuesta tanto olvidarte, entre moitos outros. O acceso a este concerto é gratuíto.
CONCERTOS
Dando por finalizada a previa, o venres 18 xa se dará paso á propia festividade e, comezará a sesión ás 20.30 horas cunha actuación musical do grupo Black, conxunto formado por nove talentosos músicos da escena local que levan aos escenarios un potente directo no que versionan a grandes artistas coma Aretha Franklin, Otis Redding o Stevie Wonder. Precederá, ao concerto do tributo ao grupo Mecano Hija de la Luna.
O sábado 19, convidarase á veciñanza a un concerto da Banda Cultural e Recreativa das Pontes e, a maiores, o luns 21 ás 20.00 horas, terá lugar o Festival Internacional de Folclore, con actuacións no Pavillón Polideportivo Municipal de grupos procedentes de Panamá, India, Eslovaquia, Valladolid e Galicia.

PASARRÚAS
A sesión dos pasarrúas, arrincará o sábado 19 ás 11.30 horas cos grupos Axóuxere e Feroces da Galgueira, que percorreran as rúas da vila coa súa música tradicional.
O luns 21, á mesma hora, haberá unha dobre sesión, pola mañá cos grupos No Cómbaro e Os Trevillas e pola tarde, ás 18.30 horas, cos grupos folclóricos do festival, que tocarán nas rúas do Concello. Canavella será o último en tocar, o xoves 24 ás 12.00 horas.
VERBENAS
O venres 18, sobre as 23.30 horas, terá lugar a primeira verbena, a cargo das orquestras Finisterre e Panorama City, a cal comeza esta ano coa su xira como proposta paralela á icónica Orquestra Panorama, malia que mantendo a esencia que a converteu nunha referencia absoluta no sector. Ámbalas dúas contan cun programa do máis variado, desde os temas máis clásicos aclamados por todos, pasando polos xéneros habituais dunha verbena, ata os máis novidosos.
Ao día seguinte, é a quenda do grupo Antha, que amenizará a sesión vermú das 14.00 horas, coas súas cumbias; bachatas; merengues e pasodobres. Pola noite, os protagonistas da verbena serán Los Players e Los Satélites, os cales levan desde 1960 e 1938 formando parte da tradición de orquestras de Galicia.
O domingo 20, o grupo Máster, é o que estará a cargo da sesión vermú, que será á mesma hora e no mesmo lugar que o sábado e, xa na verbena da noite, estará a famosa orquestra París de Noia xunto a New York, que tamén ten un gran percorrido musical.
Como colofón, o grupo La Samba será o toque na sesión vermú do luns 21 e as orquestras Origen e Olympus, as que deleitará á veciñanza cun espectáculo cheo de luminotecnia e coreografías impactantes, poñendo punto e final ás festas da Virxe do Carme, para dar paso á Romaría da Fraga.
OS GRUPOS LOCAIS
AXÓUXERE
Naceu en 1995 en Roupar, na parroquia do mesmo nome, no Concello de Xermade. No grupo teñen harmonías para gaitas, frauta traveseira, saxofóns, pandeireta, tamborís e bombo. O seu obxectivo é amenizar as festas, ou facelas alí por onde pasan, pero principalmente, facer equipo e pasalo ben.
NO COMBARO
Este grupo de música galega formouse no ano 2003, empezando a súa traxectoria como cuarteto tradicional con dúas gaitas, tambor e bombo. Co transcurso dos anos fóronse incorporando outros instrumentos como son a zanfona, a frauta traveseira, o clarinete, acordeón e voz ata completar a formación actual composta por oito membros.
Os inicios das súas actuacións foron coas alboradas e os pasacalles, recorrendo as comarcas do Eume, Terra Chá e Ferrolterra. Participaron tamén en festivais na localidade e arredores. Con este pequeno proxecto, ademais de desfrutar tentan divulgar, dignificar e manter viva a esencia da música tradicional, dándolle un xeito propio con pezas da súa propia creación pero tamén mantendo e conservando o repertorio dos antigos gaiteiros.

CANAVELLA
Este grupo creouse con membros da Escola Municipal de Música Tradicional das Pontes arredor dos anos 2009, e nos seus comezos estaba formado por 3 gaitas, 2 tamborís e 1 bombo. Actualmente está composto por 3 gaitas, 1 tamboril e 1 bombo pero o seu repertorio está formado por todo tipo de pezas tradicionais como son os pasodobres, as muiñeiras, as rumbas ou as xotas.
FEROCES DE GALGUEIRA
Este é outra das formacións locais que amenizará as festas. Son unha agrupación de música tradicional das Pontes con moito ritmo formado por sete rapaces, Marcos Freire, Carolina Leal e Sara López coas gaitas, Antonio Tuimil co acordeón, Ana Vilaboy coa pandeireta, Luis Pita e Miguel Ferreiro co bombo e platillo. Este grupo comezou a súa andaina en maio do 2009 cando tocaron por primeira vez no Cine Alovi doce pezas moi elaboradas e matizadas. O seu nome provén da Galgueira, unha parte do monte que da cara As Pontes.
OS TREVILLAS
Este grupo formado por uns amigos das Pontes, aos que lles gustaba a música, comezaron a aprender a tocar a frauta alá polo ano 1993 no baixo dunha carpintería, da man do músico autodidacta Manuel Seijo. Logo ensinoulles a tocala gaita, e co paso do tempo decidíronse a formar un grupo, que naceu no ano 1995. O seu primeiro disco presentouse o 22 de outubro do 2005 no Cine Alovi das Pontes, e chamouse Dalle Dalle, está feito de pezas tradicionais galegas, e tamén inclúen nel unha canción que lles ensinou o sacristán das Neves.