A nacionalista Da Silva non logra o apoio do Goberno central para a súa moción contra Mercosur

PP e PSOE votaron en contra no Senado polo que o partido defende que "agora os galegos e galegas teñen claro cal é a posición política de cada grupo político"
carme-da-silva-senadora
26 Feb 2026

A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia o voto en contra de PP e PSOE á moción nacionalista que procuraba instar o Goberno a mudar a posición e rexeitar o acordo UE-Mercosur polos seus efectos negativos sobre o sector agrogandeiro galego. Ambas formacións estatais, sinala Carme da Silva volven rexeitar defender os intereses dun sector estratéxico en Galicia e critica a posición de PP e PSOE que “din defendelo en Galicia mais todas as veces que tiveron que votar, votaron a favor do acordo”.

Após a votación da iniciativa do BNG, a senadora nacionalista sinala que agora “os galegos e galegas teñen claro cal é a posición política de cada grupo político”. Tanto Partido Popular como Partido Socialista, votaron en contra da iniciativa do BNG en que se instaba o Goberno a rexeitar o acordo de asociación entre a Unión Europea e Mercosur polos efectos negativos sobre o sector agrogandeiro.

“O BNG ten claro, desde hai moito tempo, a súa posición política: estamos en contra do acordo UE-Mercosur porque suporá grandes prexuízos para un sector fundamental e estratéxicos para a economía galega, sobre todo para as pequenas e medianas explotacións galegas” alerta Carme da Silva durante a defensa da iniciativa do BNG.

O Acordo UE-Mercosur, enumera a senadora nacionalista, ten tres problemas esenciais: suporá a importación de alimentos producidos a milleiros de quilómetros, que vai en contra dos obxectivos marcados no seo da UE para o consumo de proximidade; existirá unha ausencia de controis e a utilización de fitosanitarios que na UE non se permiten e as condicións laborais das persoas que traballan nas explotacións.

Un PP que quita a careta: a favor do acordo, en contra de defender os intereses do sector agrogandeiro galego

“O PP ao sector dille en Galicia que está en contra do acordo mais, todas as veces que tivo que votar, votou a favor del” recorda a senadora nacionalista, que enfatiza após a votación desta iniciativa que, agora, o sector agrogandeiro galego “ten claro cal é a posición de cada forza política”. Para Carme da Silva, esta moción serviu -ademais de para mostrar máis unha vez o apoio do BNG ao sector agrogandeiro galego- para que o Partido Popular “se quite a careta”.

0.33942604064941