A nova oficina Es.Mar de Viveiro impulsará a competitividade do sector marítimo-pesqueiro

A Xunta completa a rede autonómica destas instalacións, que darán servizo a 75 concellos
trabajo_internet_ordenador_recurso
28 Mar 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiron á inauguración da oficina Es.Mar Economía Azul de Galicia en Viveiro. Trátase dunha iniciativa promovida polo Goberno galego co obxectivo de facilitar que empresas e autónomos do sector marítimo-pesqueiro poidan acceder con maior eficacia ás axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), fomentando así a competitividade e a modernización da cadea mar-industria.

Con esta apertura, a Xunta culmina a posta en marcha da rede autonómica destas oficinas, que prestarán servizo a un total de 75 concellos. No caso da Mariña, os municipios beneficiados son Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo.

Villares destacou o impacto positivo que terá este novo servizo no desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira, ademais de mellorar a xestión empresarial do sector. A rede de oficinas Es.Mar forma parte dunha estratexia da Xunta para optimizar o uso dos fondos europeos, dado que Galicia recibe catro de cada dez euros destinados ás autonomías, o que representa un orzamento superior aos 366 millóns de euros. No caso de Viveiro, ademais do asesoramento para o acceso ás axudas, ofreceranse servizos vinculados á dixitalización, a mellora da eficiencia empresarial, o impulso de proxectos innovadores, a comercialización a través do comercio electrónico e a formación en normativa e xestión empresarial.

Pola súa banda, Miguel Corgos subliñou a importancia de dispor de servizos como este para fortalecer a colaboración entre a Administración e o tecido empresarial, asegurando un mellor aproveitamento dos fondos europeos. “Esta oficina Es.Mar de Viveiro encaixa perfectamente neste obxectivo, facilitando un diálogo eficaz entre a Xunta e o sector mar-industria”, afirmou. Tamén destacou a necesidade de mellorar a xestión pública para consolidar unha Administración máis eficiente, accesible e próxima á cidadanía.

A oficina de Viveiro, ao igual que as outras seis xa operativas en Ferrol, Vigo, Ribeira, Pontevedra, A Coruña e Vilagarcía de Arousa, funcionará cun modelo híbrido, combinando atención presencial con servizos en liña. Isto permitirá unha atención personalizada para cada beneficiario potencial do Fempa. Ademais, cada oficina conta cun equipo especializado en contratación pública, co obxectivo de incrementar as axudas concedidas e reforzar o vínculo co sector produtivo.

Investimento de máis de 1,8 millóns de euros

A rede de oficinas Es.Mar supón un investimento superior aos 1,8 millóns de euros. Ademais, os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia (GALP), dependentes da Consellería do Mar, xogan un papel esencial na xestión destas axudas. O GALP Mariña-Ortegal, un dos oito existentes en Galicia, agrupa 53 entidades sociais e 97 organizacións do sector pesqueiro, representando a máis de 13.000 traballadores. No 2024, este programa permitiu a aprobación de 133 proxectos, cunha axuda pública de 11,7 millóns de euros e a mobilización dun investimento total de case 21 millóns de euros.

Este GALP cobre unha ampla franxa da costa cantábrica galega, con Viveiro como punto central e divídese en dúo zonas con distintas dinámicas de desenvolvemento económico. O sector pesqueiro representa o 35,85% da súa Asemblea Xeral, que inclúe todas as confrarías da Mariña-Ortegal, agrupando tanto os profesionais da pesca como as lonxas e outras entidades comerciais. Tamén forman parte do GALP diversas agrupacións de marisqueo, asociacións de percebeiros e redes de pesca artesanal, incluíndo tres asociacións de redeiras. Neste sector destácase unha representación equitativa entre homes (11 representantes) e mulleres (8 representantes), o que reflicte unha progresiva igualdade de xénero na actividade pesqueira.

⚙ Configurar cookies
0.13203001022339