A onda incendiaria devasta a provincia de Ourense con máis de 87.200 hectáreas arrasadas según datos da Xunta

Os de Larouco, Chandrexa de Queixa e Oímbra son xa os tres maiores incendios da historia de Galicia desde que hai rexistros
incendios-ourense
21 Aug 2025

O lume continúa estendéndose pola provincia de Ourense e, segundo o último balance provisional da Consellería do Medio Rural, este mércores permanecen activos sete lumes e outros cinco están estabilizados, superando xa as 82.200 hectáreas arrasadas.

A Situación 2 mantense en todo o territorio, o que implica maior rapidez na mobilización de medios da comunidade, do Estado e da Unidade Militar de Emerxencias (UME). O operativo traballa reforzado, pero os frontes son tantos e tan virulentos que resulta imposible mantelos baixo control.

O maior incendio en superficie localízase en Larouco, na parroquia de Seadur. Declarado o mércores 13, devastou unhas 30.000 hectáreas, sendo o maior da historia de Galicia, e propagouse a concellos como Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.

Outro dos lumes máis devastadores é o que une os incendios de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos, iniciados os días 8, 12 e 14 de agosto. Todos acabaron por unirse nun único gran fronte que xa calcinou unhas 19.000 hectáreas, estendéndose tamén a Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.

Outro dos incendios máis virulentos comezou o martes 12 en Oímbra, na parroquia da Granxa, e uniuse co que se iniciara días antes, o 9 de agosto, en Xinzo de Limia, na zona de Gudín. O lume avanza sen control e xa calcinou arredor de 17.000 hectáreas, estendéndose aos termos municipais de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar.

En só unhas poucas semanas, a provincia rexistra os tres maiores incendios da historia da comunidade desde que hai rexistros, superando por moito o do Courel de 2022, que arrasou 11.500 hectáreas.

Na Mezquita, o incendio declarado na parroquia da Esculqueira o martes 12 arrasa unhas 10.000 hectáreas, afectando igualmente aos concellos da Gudiña e Viana do Bolo e traspasando incluso a fronteira cara á provincia de Zamora.

Vilardevós converteuse noutro dos puntos críticos. Na parroquia de Moialde reactivouse o xoves 14 un incendio que comezara o luns 11 e que afecta unhas 600 hectáreas.

Tamén seguen ardendo os montes de Carballeda de Avia e Beade. Os incendios iniciados en Vilar de Condes e en As Regadas o pasado venres acabaron uníndose nun único lume que permanece activo e que afecta unhas 4.000 hectáreas repartidas tamén entre os municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia.

Ademais, un novo lume en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, afecta xa unhas 2.600 hectáreas tras entrar desde Castela e León. O foco ameaza ao Teixadal, un dos bosques máis antigos de Galicia, e arrasa unha gran superficie da Pena Trevinca.

A estes frontes activos engádense outros cinco que lograron ser estabilizados. En Maceda, os incendios de Castro de Escuadro e Santiso uníronse nun único fronte que xa non avanza, tras calcinar unhas 3.500 hectáreas e afectar tamén ao municipio de Vilar de Barrio. En Vilardevós, o lume de Vilar de Cervos está estabilizado tras arrasar unhas 900 hectáreas, e o de Fumaces e A Trepa quedou estabilizado cun balance de 100 hectáreas. En Riós estabilizouse o incendio de Trasestrada, que queimou 20 hectáreas, mentres que en Montederramo, na parroquia de Paredes, o lume permanece estabilizado tras afectar unhas 120 hectáreas.

Ademais estes datos hai que sumar os dous focos xa extinguidos, como o de Rante, en San Cibrao das Viñas, cun balance final de 40 hectáreas arrasadas, ou o de Seixalbo, extinguido o pasado 15 de agosto, que afectou unha superficie de 107,79 hectáreas.

As conexións ferroviarias entre Galicia e Madrid retomáronse na tarde deste mércores, cando estaban a piques de cumprir unha semana sen servizo.

⚙ Configurar cookies
0.16523003578186