A Plataforma Lugo por Palestina denuncia a represión policial durante a Volta Ciclista

A Plataforma Lugo por Palestina condena a represión exercida contra varias persoas integrantes do colectivo durante a 15ª etapa da Volta ciclista, celebrada o pasado domingo.
A entidade lembra que en poucas semanas se cumprirán dous anos do que cualifican como “masacre diaria e sistemática” sobre o pobo palestino, que consideran un exterminio retransmitido ante a pasividade da comunidade internacional.
O colectivo cuestiona que mentres países como Rusia teñen vetada a participación en competicións deportivas, Israel poida competir con normalidade, o que interpreta como unha estratexia de lexitimación a través do deporte.
Neste sentido, sinala directamente a Sylvan Adams, empresario canadense-israelí e propietario do equipo Israel-Premier Tech, a quen acusan de impulsar esta política de “branqueamento”. Ademais, critican a dobre presenza de Israel na Volta a través do patrocinio de Carrefour, empresa á que sinalan como colaboradora co “ente sionista”.
Segundo a plataforma, a súa mobilización tiña como único obxectivo protestar pacificamente contra a participación do conxunto israelí. Denuncian, porén, que a resposta foron cargas policiais desproporcionadas, manipulacións en medios de comunicación e a detención de oito activistas. Tamén cuestionan a versión oficial sobre un incidente no que un manifestante caeu á cuneta ao amosar unha bandeira palestina, asegurando que o vídeo foi terxiversado para responsabilizalo da caída de varios ciclistas.
A organización considera que as recentes medidas de embargo a Israel anunciadas polo Goberno español son insuficientes pero mostran que a presión social dá resultados. Por iso, esixen a inmediata retirada dos cargos contra as persoas detidas e animan á cidadanía a manter a mobilización.
Finalmente, subliñan o papel do movemento BDS, impulsado pola sociedade civil palestina, e apelan á colaboración individual, colectiva e institucional para avanzar no boicote, as sancións e a desinversión contra Israel.