A Praza do Concello de Pontevedra acollerá a XV edición do Outubrofest

O Pontevedra Rugby Club celebra quince anos do seu tradicional Outubrofest cunha carpa gastronómica ao estilo bávaro, música en directo e actividades para todas as idades na Praza do Concello
Outubrofest
30 Oct 2025

A Praza do Concello de Pontevedra converterase, do 30 de outubro ao 2 de novembro, no epicentro da festa coa celebración da décimo quinta edición do Outubrofest, organizada polo Pontevedra Rugby Club coa colaboración do Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica.

O evento contará cun espazo gastronómico con produto galego ao estilo bávaro, cervexas artesás, música en vivo e actividades para todos os públicos, incluíndo unha festa de Samaín para as crianzas. Todo o recadado destinarase a financiar as actividades sociodeportivas do club.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e o presidente do Pontevedra Rugby Club, Alberto Fernández Aboal, presentaron este mércores o programa. Gulías destacou que “ao Concello de Pontevedra gústalle colaborar cunha iniciativa coma o Outubrofest, que une deporte e convivencia, pon en valor o traballo de base e promove espazos abertos e familiares”.

A inauguración terá lugar o xoves 30 de outubro ás 13.00 horas, coincidindo co 15º aniversario da celebración. A carpa abrirá ás 12.30 e permanecerá activa ata as 23.30 horas.

O venres 31, coincidindo co Samaín, celebrarase un obradoiro de cabazas para crianzas (17.00 h), seguido dun concurso de disfraces e música temática a partir das 20.30. A proposta gastronómica combinará salchichas, codillo ao forno de leña, pratos bávaros, opcións veganas e cervexas galegas e internacionais.

O sábado 1 de novembro será o día grande, coa sesión vermú de Dirty Old Town e un ambiente festivo que se prolongará ata as 23.30 horas con música e boa gastronomía.

Finalmente, o domingo 2 de novembro terá lugar o acto de clausura, coa tradicional entrega da salchicha xigante e o Premio “Máis que Rugby”, que distingue o labor dun club local pola súa implicación coa base. Pola tarde, ás 17.00, celebrarase unha subasta popular de material deportivo, e ás 21.00 terá lugar o peche oficial do evento.

⚙ Configurar cookies
0.32014107704163