A RAG e PuntoGal abren en febreiro o prazo para participar no concurso de microrrelatos

As entidades convocantes poñen o acento na participación da xente máis nova, nunha etapa fundamental para afianzar o uso e os afectos cara ao galego
concurso-de-microrrelatos
26 Jan 2025

A Real Academia Galega e PuntoGal abren o sábado 1 de febreiro a oitava edición do seu concurso de microrrelatos. Un ano máis, premiaranse as mellores historias de ata 200 palabras escritas por autoras e autores de todas as idades. Creado co obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade galegas no mundo dixital, o certame repartirá nove premios, tres en cada categoría: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e persoas adultas (a partir de 18 anos). Ambas as entidades animan especialmente a participar á xente máis nova, que se atopa nunha etapa vital fundamental para afianzar o uso e os afectos cara ao idioma propia do país. A convocatoria manterase aberta todo o mes de febreiro coincidindo cunha nova campaña que permite rexistrar un dominio .gal durante dous anos por 15 euros máis IVE.

Os presidentes da Real Academia Galega e de PuntoGal, Víctor F. Freixanes e Manuel González González, formarán parte do xurado da categoría de persoas adultas canda a académica correspondente Débora Campos, escritora e xornalista arxentina con raíces galegas; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a tamén xornalista e profesora Yolanda Virseda. O xurado que elixirá os contos gañadores das modalidades infantil e xuvenil integrarano a historiadora e académica correspondente Ana Romero Masiá, directora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses; o historiador e tamén correspondente da RAG Xosé María Lema Suárez; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e integrante da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga Cristina Ríos, membro do equipo técnico de PuntoGal; e o director de Aira Editorial, xornalista, crítico literario e escritor César Lorenzo Gil.

As persoas gañadoras do VIII Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal recibirán distintos premios tecnolóxicos e relacionados coa lectura, segundo se detalla nas bases dispoñibles na páxina web do concurso, relatos.gal. As entidades convocantes difundirán neste espazo e nas súas respectivas webs os textos gañadores, que poderán ademais lerse en papel, xunto aos finalistas, na revista Luzes, que colabora nesta iniciativa dende a primeira edición.

Visibilizando novas voces para as nosas letras

Os presidentes da RAG e PuntoGal presentaron esta mañá a nova edición do concurso en rolda de prensa xunto a Xosé Manuel Pereiro, codirector de Luzes, e Cristina Ríos en representación dos xurados. “Con este concurso, a Academia e PuntoGal convidamos a nenos e nenas, adolescentes e persoas adultas a empregaren o galego como ferramenta creativa coa que ollar e escribir o mundo, expresar desacougos e esperanzas, íntimas e colectivas, de hoxe e de sempre, explorando novas formas de expresión que proxecten o noso idioma en todas as facetas da vida e cara ao futuro”, salienta Víctor F. Freixanes.

O presidente da RAG sinala a creatividade demostrada polos concursantes ao longo das sucesivas edicións, que contribuíron a visibilizar voces emerxentes das letras galegas. Entre as persoas gañadoras e finalistas –lembra– hai novas voces, de moi curta idade no seu momento, como as de Nee Barros (2002) e Alba Guzmán (2003); debutantes serodios no mundo editorial, como Paloma de Toro (1985) e Carlos Neira Suárez (1950); e tamén nomes como os de Héctor Cajaraville ou Marta Villar, gañadores do Premio Xerais 2015 e 2024, respectivamente.

O concurso da RAG e PuntoGal é en calquera caso unha iniciativa aberta a toda a cidadanía, a persoas de calquera idade, profesión e condición, pero ambas as institucións destacan o especial interese que teñen en promover a participación das novas xeracións. “Gustaríanos que a xente nova participe masivamente coas súas creacións porque é nos primeiros anos cando se crean os vínculos afectivos cunha lingua, porque é unha maneira de demostrar desde os primeiros anos que o galego non só é unha lingua apta, senón que é a lingua natural, para expresar todas as nosas emocións e as nosas vivencias de cada día: na escola, no lecer, no deporte”, indica Manuel González.

0.1374089717865