A sétima edición de Camiño Escena Norte traerá dez espectáculos a dez localidades galegas

O proxecto cultural de intercambio escénico celébrase do 12 de setembro ao 26 de outubro e contará con teatro, danza e circo en Arzúa, Carballo, Foz, Lugo, Negreira, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilalba e Vimianzo.
Camino Escena Norte
8 Sep 2025

A sétima edición de Camiño Escena Norte achegará unha decena de espectáculos de teatro, danza e circo a Galicia entre o 12 de setembro e o 26 de outubro. O proxecto, que conecta territorios a través das artes escénicas, celebrarase simultaneamente en seis comunidades: Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e, como novidade este ano, A Rioxa.

As funcións galegas presentáronse este venres en Santiago de Compostela, cun cartel que inclúe compañías de Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa. En total, haberá dez citas en Arzúa, Carballo, Foz, Lugo, Negreira, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilalba e Vimianzo, baixo o lema “Sementar, coidar, xermolar”.

A programación inclúe propostas para todos os públicos: circo, teatro de texto, novo circo, danza contemporánea, artes do movemento e creación site-specific. Así, o público galego poderá ver, entre outras, Pausa de NiMú (Euskadi), Globe Story de El Perro Azul (A Rioxa), Zozobra de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias), Halley de Led Silhouette (Navarra), El jardín de las posibilidades de El Tejo Producciones (Cantabria) ou Postales Rotas de Zigzag Danza (Asturias).

Ademais do itinerario de exhibición Constelacións, Camiño Escena Norte inclúe o programa Camiño Expandido, con actividades profesionais, encontros e colaboracións con festivais como o FIOT de Carballo ou o FITLO da Rioxa.

A iniciativa, nacida en 2019, está promovida polas asociacións profesionais de produtoras escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, e conta co apoio institucional da Xunta de Galicia a través de Agadic, ademais doutras administracións e patrocinadores.

Programación en Galicia

12/09, 19:00h – Santiago de Compostela, Praza da Quintana | Pausa (NiMú, Euskadi) – Circo – Entrada libre

13/09, 20:00h – Foz, Praza Conde de Fontao | Globe Story (El Perro Azul, A Rioxa) – Teatro – Entrada libre

19/09, 20:00h – Arzúa, Xardín Casa de Correos | Zozobra (La Roca – Acar Teatro del Mundo, Asturias) – Teatro – Entrada libre

21/09, 20:00h – Vilalba, Auditorio Carmen Estevez | Zozobra – Teatro – Entrada libre

26/09, 18:00h – Carballo, Praza Cruz Vermella (FIOT) | Pausa (NiMú, Euskadi) – Circo – 5€

02/10, 20:00h – Lugo, Auditorio Gustavo Freire | Halley (Led Silhouette, Navarra) – Danza – www.entradaslugo.es

17/10, 20:30h – Negreira, Auditorio Afonso Eanes de Cotón | Globe Story – Teatro – 3€

19/10, 20:00h – Outes, Casa da Cultura | Zozobra – Teatro – 5€ (bono reducido dispoñible)

25/10, 20:30h – Vimianzo, Auditorio Municipal | El jardín de las posibilidades (El Tejo Producciones, Cantabria) – Teatro – 5€/2,5€

26/10, 20:00h – Ribadeo, Auditorio Hernán Naval | Postales Rotas (Zigzag Danza, Asturias) – Danza – 3€

⚙ Configurar cookies
0.35176301002502