A subdelegada cualificou de "históricos" os investimentos do Goberno central en Mobilidade, dixitalización e apoio aos concellos

A subdelegada do Goberno fixo balance en Lugo dos catro anos de execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
isabel-rodriguez-plan-resilencia
13 May 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, fixo este martes un balance en profundidade da repercusión positiva dos catro anos de execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia na provincia. Así o fixo nunha comparecencia ante os medios celebrada na Subdelegación do Goberno, onde subliñou que “Lugo está recibindo, como nunca antes, investimentos transformadores que chegan a cada recuncho da provincia” facendo fincapé na aposta pola “mellora da mobilidade, a modernización das empresas, o apoio aos concellos e a dixitalización e conectividade da provincia”.

O Plan, aprobado polo Consello de Ministras e Ministros en abril de 2021 en resposta á pandemia, consolidouse como unha ferramenta esencial para modernizar o país, reforzar os servizos públicos e impulsar a cohesión social e territorial.

“España soubo converter unha crise sen precedentes nunha oportunidade histórica. E o Goberno de Pedro Sánchez está a cumprir con Galicia e con Lugo”, asegurou Rodríguez.

Un dos fitos máis relevantes é a reactivación de proxectos de mobilidade que levaban anos bloqueados. A nova Estación Intermodal de Lugo, froito dun convenio entre o Ministerio de Transportes, o Concello e a Xunta, recibe 30 millóns de euros do Plan de Recuperación, asumindo o Goberno o 63% do investimento. Trátase dunha obra estratéxica para unha mobilidade máis sostible e para a integración urbana da contorna ferroviaria.

A gran aposta en mobilidade reflíctese tamén nos 335 millóns destinados á renovación integral da liña Ourense-Monforte-Lugo, unha actuación sen precedentes no interior galego, que tras superar retos técnicos e de planificación sen precedentes, avanza na recta final do plan para completar as actuacións no tramo Monforte-Lugo.

Apoio a concellos: fondos que vertebran o territorio

A subdelegada puxo en valor o impacto directo do Plan nos pequenos municipios, que recibiron e seguen a recibir axudas para mellorar edificios, ampliar a rede e cobertura de servizos e apostar pola eficiencia enerxética.

Un dos principais exemplos disto é o PIREP (Programa para a Rehabilitación de Edificios Públicos), que deixou na provincia 5,5 millóns de euros con proxectos na Fonsagrada, Antas de Ulla, Vilalba, Pol, A Pontenova, Portomarín ou Rábade.

Tamén se destinaron 3,3 millóns do programa DUS 5000 para proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico, como o caso de Baralla, O Vicedo ou A Pontenova. E nesta liña, adxudicáronse 2,4 millóns para a comunidade enerxética Begonte Genera, referente en innovación e autosuficiencia enerxética, e recentemente, a resolución do PERTE de dixitalización do ciclo da auga confirmou un investimento de 6,9 millóns para Galicia, que beneficiará a concellos lucenses como Palas de Rei ou Sarria.

Ademais, estase a avanzar en proxectos como a rehabilitación dos paradores de Vilalba e Monforte (2,2M€), ou a rede de calor con biomasa no campus da USC en Lugo (2,4M€), entre outros.

A provincia tamén é referente na modernización empresarial grazas ao PERTE Agroalimentario, do que foi beneficiario o proxecto SmarTZ4milk, liderado polo Grupo Lence e co apoio de 14 empresas do sector, cun financiamento de 8,7 millóns de euros máis un préstamo a interese cero. O obxectivo principal é a mellora da trazabilidade, a redución da pegada ambiental e o reforzo da sustentabilidade dunha das industrias clave da provincia.

Dixitalización: o rural conéctase á alta velocidade

Co obxectivo de garantir igualdade de oportunidades, o Plan de Recuperación tamén está a achegar conectividade ultrarrápida a zonas rurais. A través do programa UNICO-Banda Ancha, a provincia recibiu 22,4 millóns de euros para instalar fibra óptica en áreas antes illadas dixitalmente.

Ao mesmo tempo, o Kit Dixital beneficiou a máis de 27.000 autónomos e pemes en Galicia, cun investimento global de 112 millóns, facilitando a dixitalización de procesos e o incremento da competitividade, especialmente en sectores tradicionais.

A intervención da subdelegada non esqueceu a cara menos positiva do balance. Rodríguez alertou de que a Xunta de Galicia só executou o 46,6% dos fondos transferidos polo Goberno de España. En concreto, dos 1.746 millóns de transferencias recibidas, a Xunta realizou convocatorias por valor de 1.038 millóns de euros, das que a día de hoxe consignou 814 millóns de euros.

“Galicia non pode seguir perdendo oportunidades. A Xunta debe executar os fondos que lle son asignados. Hai case mil millóns de euros que están nos caixóns, sen transformar a vida da xente”.

A subdelegada reclamou máis axilidade e compromiso por parte da administración autonómica. “Mentres moitos alcaldes, alcaldesas e empresarios están aproveitando os fondos, a Xunta frea o avance ao non adxudicar recursos fundamentais”, denunciou.

Para rematar, Isabel Rodríguez fixo un recoñecemento público ás persoas e entidades que están a liderar proxectos transformadores en Lugo. “Aos que están a traballar para que os fondos europeos se convertan en realidade, grazas. E aos que aínda non o fixeron, pídolles que non deixen pasar esta oportunidade histórica.”

O Goberno de España, engadiu, seguirá traballando por Lugo e por Galicia. “Porque cremos no país, cremos na xente e cremos no futuro”.

⚙ Configurar cookies
0.10494685173035