A UDC lidera o primeiro laboratorio dixital de innovación costeira atlántica en Galicia

Galicia acolle desde agora o primeiro laboratorio dixital de innovación costeira atlántica, un espazo que reúne boas prácticas, ferramentas técnicas, exemplos de proxectos sostibles e recursos orientados á acción local. Esta iniciativa, chamada SEALabHaus, está liderada pola Universidade da Coruña e financiada no marco do Programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027, que busca impulsar o turismo, a economía azul e o patrimonio natural e cultural dun mar inclusivo e sostible.
O profesor do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición Arquitectónica da UDC e investigador principal do proxecto, Dr. Óscar Fuertes, participou recentemente na presentación oficial. No acto estiveron tamén Lucía Martínez Quintana, directora do Departamento de Arte, Cidade e Territorio da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, e Diego Inglez de Souza, investigador do Centro de Estudos de Arquitectura e Urbanismo da Universidade do Porto. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, pechou o evento cunha intervención na que destacou que “este tipo de iniciativas afondan no turismo, a actividade e a cultura azul, entendidos como forza impulsora do desenvolvemento das rexións costeiras do Espazo Atlántico, xerando riqueza e creando emprego nos territorios do litoral”.
A plataforma web, desenvolvida pola Consellería do Mar en colaboración coa Consellería de Facenda a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), é o principal resultado visible deste proxecto. Esta ferramenta permitirá ás entidades e comunidades mariñeiras acceder a modelos adaptables á súa realidade, deseñar proxectos vinculados ao mar e compartir boas prácticas doutros territorios atlánticos.
SEALabHaus foi un dos 27 proxectos seleccionados polo Programa Interreg Espazo Atlántico, que conta cun orzamento total de 3,7 millóns de euros, dos cales 2,6 millóns proveñen do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Este plan ten como obxectivo innovar na cadea de valor do turismo e a cultura azul, transformando e revitalizando o ecosistema turístico costeiro “en equilibrio co mar como factor clave de resiliencia, benestar e sustentabilidade”, explicou o Dr. Fuertes, cuxo traballo tamén se alinea co Plan de Cultura Marítima de Galicia, que dirixe.
Como líder do proxecto, a Universidade da Coruña coordina un consorcio formado por socios de cinco rexións atlánticas europeas: Irlanda, Francia, Galicia, Portugal e Canarias. O laboratorio incorpora un enfoque innovador inspirado na Nova Bauhaus Europea (NBE), que fomenta a transición verde mediante o deseño colaborativo, a sustentabilidade, a inclusión e a calidade de experiencia e estilo máis alá da mera funcionalidade.