A violencia de xénero causou a morte dunha muller á semana durante 2024

O asasinato de 9 nenos e nenas en 2024 eleva a 62 o número de menores asasinados desde 2013; no 85,5 % de todos os casos rexistrados os agresores foron os pais biolóxicos
violencia-de-xenero
11 May 2025

O asasinato de 48 mulleres por violencia machista en 2024 supón a cifra máis baixa de vítimas mortais a mans das súas parellas ou exparellas desde que se teñen datos e é un 17,2 % máis baixa da que se rexistrou en 2023. Aínda así, o pasado ano unha muller resultou asasinada cada semana (7,6 días) por violencia de xénero. O 31 % das vítimas, tras cuxo asasinato quedaron orfos 40 menores de idade, presentaran denuncias previas contra os seus agresores.

Ese mesmo ano, 9 menores morreron a mans das parellas ou exparellas das súas nais, polo que o número de nenos e nenas vítimas de violencia vicaria desde que se teñen rexistros (2013) ascende a 62. O agresor foi, no 85,5 % destes casos, o pai biolóxico dos menores.

En canto á violencia doméstica, 4 homes foron asasinados en 2024 por mulleres dentro do ámbito da parella ou exparella. O ano pasado non se rexistraron asasinatos causados pola violencia intraxénero (no seo de parellas ou exparellas do mesmo sexo, tanto de homes como de mulleres).

Estes e outros datos inclúense no “Informe sobre vítimas mortais da violencia de xénero e doméstica no ámbito da parella ou exparella, ano 2024”, feito público hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. O estudo pon de manifesto un descenso do número de asasinatos de mulleres na segunda metade da serie histórica (2014-2024), mellora que coincide coa consolidación e perfeccionamento dos mecanismos e ferramentas das distintas administracións contra a violencia de xénero. A pesar destas melloras, o informe advirte de que 48 asasinatos constitúen unha cifra intolerable que evidencia a necesidade de seguir mantendo e perfeccionando as políticas de protección pública ás vítimas de violencia de xénero.

A observación da serie histórica de mortes por violencia machista mostra unha menor incidencia na segunda metade do período, que vai de 2014 ata 2024. Así, de 2003 a 2013 rexistráronse unha media de 65,9 crimes cada ano, mentres que entre 2014 e 2024 a media anual situouse en 52,4. Tomando en consideración o período completo (2003-2024), a violencia de xénero cobrouse 58,7 vidas cada ano.

A mesma evolución prodúcese poñendo en relación o número de mulleres asasinadas coa poboación: na primeira metade do período histórico houbo 3,36 mulleres asasinadas por cada millón de mulleres de quince ou máis anos; na segunda metade, a taxa descendeu a 2,56. Se se toma en consideración o período completo (2003-2024), o número de crimes machistas por cada millón de mulleres maiores de quince ou máis anos é de 3,24, un 31,2 por cento máis alta que a correspondente a 2024, que se situou en 2,23.

O perfil da vítima

Os datos obxectivos obtidos dos expedientes xudiciais permiten trazar un perfil das vítimas en función da súa idade, nacionalidade e relación co agresor. Estes tres indicadores bastan para mostrar que a violencia de xénero é un fenómeno caracterizado pola súa diversidade, pois o seu impacto alcanza a todos os ámbitos e orixes.

A media de idade das mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas durante 2024 foi de 44,5 anos, case tres anos máis alta que a media de idade das vítimas de toda a serie histórica, que é de 42,8 anos. En 2024, a vítima máis nova tiña 15 anos e a de máis idade, 76.

En 2024, a metade das mulleres asasinadas por violencia de xénero tiñan entre 26 e 45 anos, unha franxa de idade que representa a menos da terceira parte da poboación de mulleres maiores de quince anos. O seguinte grupo de idade con maior número de vítimas mortais (20,8 por cento) é o que vai de 46 a 55 anos.

40 menores orfos

Os 48 crimes machistas de 2024 deixaron a 40 menores de idade en situación de orfandade polo asasinato das súas nais. A metade das mulleres asasinadas (24) tiñan fillos con menos de 18 anos.

Se se teñen en conta tamén os fillos e fillas maiores de idade, a cifra de orfos ascende a 82. Oito de cada dez vítimas (83,3 %) tiñan polo menos un fillo ou filla.

Sete de cada dez vítimas mortais (66,7 %) de 2024 mantiña a convivencia co agresor no momento no que se produciu o crime, unha porcentaxe superior ao de 2023, que foi do 60,3 por cento, e ao da serie histórica desde 2003, que é do 62,2 por cento.

Case a metade das 48 vítimas mortais de 2024 (41,7 %), tiñan ou tiveran con anterioridade ao crime un vínculo matrimonial co agresor. Segundo os datos contidos nos expedientes xudiciais, consta a existencia dunha relación afectiva no 70,8 % dos casos, mentres que no 29,2 % restante esa relación xa se extinguiu. O pasado ano non se rexistraron casos nos que o asasinato se produciu nunha situación transitoria da relación, é dicir, durante un proceso de separación matrimonial ou de crise de convivencia.

Nacionalidade das vítimas

O pasado ano houbo o mesmo número de vítimas mortais españolas que doutras nacionalidades (24). A porcentaxe de mulleres estranxeiras asasinadas en 2024 (50 %), procedentes de quince países diferentes, é superior tanto ao que se rexistrou en 2023 (44,8 %) como á media histórica, que é do 35,8 por cento.

A análise das áreas xeográficas de procedencia das vítimas mortais de 2024 que tiñan nacionalidades diferentes á española sitúa ao continente americano en primeiro lugar, co 45 por cento. O segundo é Europa (29,2 %) e o terceiro, África (25 %).

Circunstancias da agresión

O domicilio, común ou dun dos membros da parella, é o lugar no que se produciron o 76,1 % dos crimes machistas de 2024. Esta circunstancia mantense constante na serie histórica, ao tratarse do lugar do crime no 75,6 % dos casos ocorridos desde 2003. No 74,3 por cento dos asasinatos ocorridos no interior de domicilios ou nas súas zonas comúns, tratábase dunha vivenda compartida por vítima e agresor.

O medio máis utilizado en 2024 para cometer os crimes machistas foi a arma branca, empregada no 40,9 % dos casos respecto dos que se coñece este dato (en tres deles, non consta o medio utilizado para cometer o crime). No 20,5 % das mortes do ano pasado foron causadas por arma de fogo.

En 2024, o mes do ano cun maior número de asasinatos machistas foi xullo, cun 16,7 por cento; o día da semana, o venres, co 22,9 % dos casos rexistrados.

Distribución por localidades

As localidades nas que se produciron o maior número de asasinatos machistas, 12 dos 48 rexistrados en 2024, foron as comprendidas no tramo de poboación de entre 10.001 e 25.000 habitantes. A taxa media de mortes por cada millón de habitantes máis alta de toda a serie histórica (1,7) sitúase tamén nese mesmo grupo de localidades.

Características dos agresores

O perfil dos agresores correspóndese co dun home de máis idade que a vítima no 70,8 % dos casos e de nacionalidade española no 64,6 por cento. No 43,8 % dos crimes, vítima e agresor non compartían nacionalidade.

A idade media dos agresores foi de 49 anos, o que significa que eran 4,5 anos máis maiores que as súas vítimas. En 2024, o agresor máis novo tiña 17 anos e a de máis idade, 86. A idade media da serie histórica, que foi aumentando progresivamente, sitúase en 46,8 anos.

Algo máis da metade dos agresores, o 52,1 por cento, foron detidos tras cometer o crime e só o 12,1 % entregáronse. Un de cada catro (25 %) suicidáronse, unha porcentaxe superior ao da serie histórica, que se sitúa no 22,4 % dos casos.

En 2024, a media de idade dos agresores que se quitaron a vida foi de 53,3 anos e o medio máis empregado no 66,7 % dos casos de suicidio, foi a arma de lume. Dáse a circunstancia de que entre 2003 e 2024 o 65,9 % dos asasinatos cometidos con arma de fogo terminou co suicidio do agresor.

Denuncias previas

Quince das corenta e oito vítimas mortais da violencia machista en 2024 presentaran denuncia previa contra os seus agresores, o que representa case un terzo delas (31,3 %). Oito desas quince mulleres mantiñan a convivencia co seu agresor no momento do crime; en cinco dos casos, existía unha medida de afastamento en vigor.

A media de idade das vítimas que presentaron denuncia previa foi de 40,8 anos, sendo as situadas de 26 a 35 anos e as de 36 a 45 as que o fixeron en maior medida: o 58,3 % das vítimas estaban no primeiro deses tramos de idade e o 33,3 % no segundo.

Como en anos anteriores, a porcentaxe de vítimas que denunciaran aos seus agresores é superior entre as de orixe estranxeira (33,3 %). Entre as de nacionalidade española, descende ao 29,2 por cento.

O ano pasado, a violencia machista cobrouse a vida doutras 7 persoas próximas ás mulleres asasinadas. Entre 2003 e 2024 rexistráronse 69 casos de homicidio múltiple, cun total de 83 persoas asasinadas das que 43 eran fillos e fillas menores das vítimas.

 Violencia vicaria

O informe recolle os datos relativos aos asasinatos de menores, fillos e fillas das vítimas, no contexto do que se coñece como violencia vicaria, unha forma de criminalidade con vítimas de extrema vulnerabilidade á que o Observatorio quere dar visibilidade co fin de achegar ferramentas de coñecemento que poidan servir de apoio na adopción de decisións polos órganos xudiciais.

En 2024, un ano especialmente tráxico, 9 menores foron asasinados por 6 agresores, pais biolóxicos de sete deles. Estas vítimas elevan a 62 o número de menores asasinados desde 2013, ano no que se empezaron a contabilizar, o que supón que desde entón rexistráronse 5,2 casos cada ano.

A media de idade dos menores asasinados o ano pasado, 5 nenas e 4 nenos, foi de 6,2 anos. Se se ten en conta a serie histórica, o 74,2 % das vítimas, homes e mulleres en igual proporción, tiñan menos de 10 anos. En canto á súa nacionalidade, 5 dos menores eran españois. Entre 2013 e 2024, tiñan nacionalidade española o 74,2 % deles.

Catro dos menores asasinados en 2024 convivían no momento do crime co seu agresor, un home cunha idade media de 36,8 anos. A convivencia deuse no 77,4 % dos casos na serie histórica. Sete dos menores eran fillos biolóxicos dos agresores (77,7 %), porcentaxe que se eleva ata o 85,5 % se se analizan todos os casos desde 2013.

Igual que no caso das mortes de mulleres, a maior parte dos asasinatos de nenos e nenas cometidos en 2024 (7) ocorreron no domicilio que compartían co agresor. Ese foi tamén o escenario do 71 % dos crimes de menores desde 2013.

Aínda que o método máis empregado para cometer o crime é, desde 2013, a arma branca (35 %), en 2024 só estivo presente nun deles. As outras mortes foron causadas por asfixia, envelenamento, arma de fogo e golpes.

Catro dos seis causantes das mortes de menores o pasado ano tiñan nacionalidade española. O mesmo número deles foron detidos e os outros dous suicidáronse. A porcentaxe de casos seguidos polo suicidio do agresor na serie histórica (45,8 %) é 23 puntos máis alto entre os homes que asasinaron a menores respecto dos que asasinaron a mulleres (22,4 %).

Segundo recolle o informe, cinco dos seis agresores de 2024 foran denunciados previamente polas súas parellas ou exparellas, unha porcentaxe moito máis elevada (83 %) que o da serie histórica: entre 2013 e 2024 rexistráronse denuncias previas no 35,4 % dos casos. A cifra é tamén superior á das denuncias previas da serie histórica o caso das mortes de mulleres (26 %).

Violencia doméstica íntima

O último capítulo do informe do Observatorio analiza os casos de morte por violencia doméstica íntima, que comprende as de homes a mans das súas parellas ou exparellas mulleres e as que se producen no seo de parellas ou exparellas do mesmo sexo, sexan mulleres ou homes.

En 2024 rexistráronse 4 casos, que elevan a 121 as mortes por violencia doméstica íntima desde 2009, cunha media de 7,6 vítimas ao ano. En ningún dos casos rexistráronse denuncias previas das vítimas contra as súas agresoras. Pola contra, un deles pode enmarcarse na chamada violencia de resposta, ao existir unha denuncia previa por violencia machista contra o home (despois vítima).

Os catro falecidos, tres deles de nacionalidade española, eran homes e foron asasinados polas súas parellas ou exparellas mulleres; o pasado ano non houbo ningún caso de violencia intragénero. Na serie histórica, o 84 % das mortes (103) foron causadas por agresións de mulleres a homes.

A media de idade das vítimas mortais en 2024 foi de 44 anos, sendo a máis baixa de toda a serie histórica, na que a media de idade é de 49,4 anos. Desde 2009, o 47 % das vítimas tiña entre 26 e 45 anos.

As autoras dos asasinatos de 2024, tres das cales eran españolas, tiñan unha media de 49,5 anos, mentres que a media da serie histórica é de 43,8. Só una delas suicidouse tras cometer o crime, sendo a porcentaxe de suicidios do 10 % na serie histórica.

As catro vítimas mortais convivían coa súa agresora no momento do crime, unha circunstancia que se deu no 82,5 % dos casos desde 2009. Dous deles tiñan un vínculo matrimonial coas agresoras.

En tres dos casos, as vítimas tiñan fillos/as menores de idade, sendo 55 os nenos e nenas que quedaron orfos/as polo asasinato dos proxenitores entre 2009 e 2024.

⚙ Configurar cookies
0.11892890930176