A Xunta abre o prazo para que novos centros se incorporen ao ensino plurilingüe

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para que os centros educativos que o desexen soliciten a súa incorporación á Rede de Centros Plurilingües de Galicia para o vindeiro curso 2025-26, ou ben amplíen este modelo a novas etapas educativas.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional publicou no Diario Oficial de Galicia as convocatorias para seguir estendendo o ensino dunha lingua estranxeira nas etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Os colexios e institutos interesados teñen de prazo ata o 30 de abril para presentar as súas candidaturas a través da aplicación habilitada no Portal Educativo.
Estas convocatorias forman parte da Estratexia galega de linguas estranxeiras (EDUlingüe 2030), que busca mellorar a competencia lingüística en idiomas estranxeiros no ensino non universitario de Galicia.
Segundo o informe anual de Education First (EF), o alumnado galego ten o nivel máis alto de inglés de todo o Estado, con 564 puntos —13 máis que a segunda comunidade—, situándose tamén nun nivel alto a nivel internacional.
Neste curso 2024/25, están adheridos á rede un total de 511 centros plurilingües, que contan co apoio de 665 auxiliares de conversa nativos procedentes de 24 nacionalidades distintas e cinco continentes.
O modelo, que permite impartir ata un terzo do horario lectivo nunha lingua estranxeira, comezou no curso 2010/11 para Primaria e ESO, e ampliouse a partir de 2017 a Infantil, Bacharelato e Formación Profesional.