A Xunta activa préstamos de ata 1 millón para paliar os aranceis dos EE.UU.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia vai poñer en marcha unha nova liña de préstamos de circulante de ata 1 millón de euros, ampliable e cun período de carencia de catro anos, o dobre do habitual, para mitigar o impacto dos aranceis nas empresas galegas.
Lorenzana reuniuse en Santiago cos conselleiros de Facenda, Medio Rural e Mar, así como con máis dunha vintena de clústeres, asociacións sectoriais e consellos reguladores, para abordar os efectos da nova política arancelaria dos Estados Unidos sobre os sectores produtivos galegos.
A liña de financiamento enmárcase nos 50 millóns de euros que actualmente o Igape destina a préstamos para empresas, pero aplicarase cunhas condicións adaptadas á situación xerada pola guerra comercial. Ademais, anunciou a creación dunha oficina especializada que dependerá da Oficina Económica de Galicia e manterá contacto coa antena do Igape en Miami.
A partir da Semana Santa, organizaranse seminarios específicos para cada sector e empresa afectada co fin de analizar as oportunidades do Real Decreto-Lei aprobado recentemente polo Goberno central, que pon á disposición das empresas 14.000 millóns de euros en avais, axudas directas e fondos para a internacionalización.
Lorenzana tamén explicou que se traballará coa industria galega para diversificar mercados, estudar a rebaixa ou reclasificación de produtos e relanzar a marca Galicia con campañas que valoricen a calidade dos seus produtos.
Finalmente, a conselleira fixo un chamamento á prudencia e á cooperación constante cos sectores. “Debemos negociar e reducir a tensión comercial, e buscar que estes aranceis se desescalen e normalicen as relacións comerciais con EE.UU.”, concluíu.