A Xunta anuncia un paquete de axudas urxentes para os afectados polos incendios

O presidente da Xunta comunicou que os técnicos do Centro de Coordinación Provincial de loita contra incendios de Ourense analizaron as necesidades que el mesmo trasladou ao presidente do Goberno, co desexo de que se fagan efectivas “canto antes”
rueda-cecop
16 Aug 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este sábado que o Goberno galego aprobará no próximo Consello un paquete de axudas específicas para as persoas e sectores afectados polos incendios forestais que azoutan Galicia. Fixoo durante a súa visita ao Centro de Coordinación Provincial de Ourense, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, onde puido seguir de preto a evolución da emerxencia.

Rueda explicou que os técnicos do centro avaliaron as principais necesidades, que xa trasladou ao presidente do Goberno. Entre elas figuran bulldozers con maquinistas para traballos de terra, helicópteros e avións de coordinación, motobombas, nodrizas de gran capacidade, reforzos de brigadas e a mobilización de polo menos 200 soldados adicionais para tarefas de vixilancia e apoio.

O presidente galego agradeceu a chamada do xefe do Executivo, que se interesou pola situación en Galicia, e asegurou que reiterou a petición de máis medios: “a necesidade de ter máis axuda a maiores da que xa estamos a recibir e que sempre agradecemos”. Tamén valorou o ofrecemento de visitar mañá as zonas afectadas e expresou a súa confianza en que as demandas “se fagan efectivas canto antes”.

Sobre a participación da Unidade Militar de Emerxencias, Rueda destacou que é un recurso “moi apreciado e imprescindible”, aínda que insistiu en que non é suficiente para a magnitude dos incendios actuais, polo que reclamou un reforzo do exército.

Na actualidade permanecen activos doce incendios de gran extensión: dez na provincia de Ourense, un na Agolada e outro en Muxía. “Os incendios que hoxe máis nos preocupan están na zona do Ribeiro e na zona de Larouco, onde se están decretando diversos confinamentos e para iso fai falta bastante persoal e polo tanto pedimos estes soldados a maiores”, sinalou.

O titular da Xunta subliñou a urxencia de poñer en marcha medidas de apoio aos veciños que perderon bens, especialmente gandeiros que quedaron sen pastos ou animais: “Estamos a traballar para que isto sexa posible de xeito practicamente inmediato e así darlle un respiro a toda esa xente que perdeu os seus bens”.

Finalmente, Rueda asegurou que o Goberno galego estará “á altura da gravidade da situación e das perdas sufridas” e garantiu unha resposta rápida e coordinada.

⚙ Configurar cookies
0.30096697807312