A Xunta arrinca os preparativos do Xacobeo 27 coa creación da comisión xestora das exencións fiscais

A Xunta de Galicia deu o primeiro paso oficial nos preparativos do Ano Santo Xacobeo 2027 coa creación da comisión interadministrativa que será o órgano encargado de xestionar os beneficios fiscais para impulsar a participación do sector privado en proxectos relacionados co Camiño de Santiago e o Xacobeo.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na reunión da Comisión Executiva do Consello Xacobeo, na que se ultimou o convenio para a posta en marcha deste ente, cuxa secretaría asumirá a Axencia Turismo de Galicia. Entre as súas competencias estarán a aprobación dos plans e programas de actividades, a validación dos gastos realizados, a remisión das certificacións á Axencia Tributaria e a aprobación do logotipo do Xacobeo 27 co seu manual de uso.
Durante a reunión tamén se informou sobre a declaración do Xacobeo 27 como acontecemento de excepcional interese público, incluída no Real Decreto 8/2025 do 8 de xullo, e sobre a tramitación do expediente de declaración da Acollida Tradicional Xacobea como Patrimonio Inmaterial.
Ademais, analizouse a afectación dos incendios forestais nas rutas do Camiño, incidindo en que as vías son transitables e que os danos na sinalización e nos marcos xa están a ser reparados.
A Comisión Executiva do Consello Xacobeo actúa como órgano de apoio do pleno, favorecendo a cooperación entre institucións e comunidades autónomas para coordinar a conservación, dinamización cultural e servizos para peregrinos e persoas interesadas no Camiño.