A Xunta avalía xa no terreo a afectación dos incendios forestais no patrimonio cultural

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou no Parlamento que técnicos da Xunta están a avaliar xa sobre o terreo a afectación dos incendios forestais rexistrados en agosto no patrimonio cultural galego.
Segundo explicou, xa se teñen identificados os primeiros danos e todas as zonas afectadas serán visitadas para realizar unha diagnose ao detalle de cada ben patrimonial. “O obxectivo é contar cunha fotografía precisa e fiable da situación”, subliñou.
López Campos lembrou que nos primeiros momentos a prioridade foi a extinción dos lumes e a protección das persoas e dos seus bens, incluídos os patrimoniais. Aproveitou para recoñecer o labor dos equipos de extinción, que traballaron en condicións moi adversas.
Unha vez controlada a emerxencia, a Consellería de Cultura puxo en marcha os traballos de campo: técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio xa están a desprazarse ás zonas queimadas, a sinalizar os bens afectados e adoptar medidas urxentes.
A estratexia da Xunta, avanzou o conselleiro, será desenvolver actuacións inmediatas para previr novos riscos ou danos adicionais, especialmente coa chegada das choivas do outono, e posteriormente acometer intervencións de restauración e recuperación do patrimonio danado.
“Agora o que toca é coñecer plenamente o alcance, por pequeno ou illado que sexa”, concluíu.