A Xunta comprométese a estudar medidas propostas polo sector gandeiro en Ourense

Representantes da Xunta de Galicia mantiveron esta mañá un encontro con gandeiros da provincia de Ourense para coñecer de primeira man as demandas e dificultades ás que se enfronta o sector no desenvolvemento da súa actividade diaria. Na reunión participaron a secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Durante a xuntanza, os responsables autonómicos escoitaron as principais preocupacións expostas polos profesionais do sector e comprometéronse a impulsar diferentes actuacións dentro do ámbito das súas competencias, así como a manter contactos a nivel institucional para tratar de dar resposta a estas cuestións.
Entre os acordos acadados, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático anunciou que analizará a proposta de planificación de rozas e queimas controladas en espazos naturais da súa competencia que será elaborada polo sector agrogandeiro da zona. Ademais, está previsto realizar visitas conxuntas ao territorio para avaliar as necesidades máis urxentes e aquelas nas que se poida intervir a curto prazo.
No encontro tamén se abordou a xestión dos espazos incluídos na Rede Natura 2000, especialmente en zonas de uceiras e pastos, co obxectivo de aclarar que actuacións son compatibles cun aproveitamento sostible do monte.
Por outra banda, desde a Xunta trasladouse aos gandeiros o compromiso de seguir prestando apoio fronte aos danos provocados por especies silvestres como o lobo ou o xabaril. Neste eido, lembraron que entre decembro do pasado ano e este mes se publicaron diferentes liñas de axuda que suman preto de catro millóns de euros destinados á prevención e compensación destes danos nas explotacións e nos cultivos.