A Xunta destaca o esforzo dos voluntarios que colaboran na recuperación dos montes ourensáns tras os incendios

Máis de 420 voluntarios participan nas labores de recuperación dos montes para previr arrastres e alimentar á fauna nas zonas afectadas pola onda incendiaria do pasado mes de agosto
xunta-vooluntarios-ourense
26 Oct 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou este sábado “o traballo dos máis de 420 voluntarios que colaboraron para previr arrastres e alimentar á fauna silvestre nas zonas danadas polos incendios” durante unha xornada de voluntariado en Cualedro, orientada a apoiar a recuperación dos espazos naturais afectados polos lumes do pasado verán.

A acción enmárcase nun plan especial da Xunta para protexer e restaurar os municipios ourensáns máis afectados, especialmente aqueles que inclúen terreos con algún tipo de protección ambiental. Nesta xornada, Vázquez estivo acompañada polo delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, e polas directoras xerais de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e de Xuventude, Lara Meneses.

Ao longo das xornadas, os voluntarios traballaron directamente sobre o terreo para minimizar os efectos dos incendios, colocando acolchados de palla e fibras de madeira nas ladeiras máis empinadas e nas zonas afectadas polo lume, co obxectivo de reducir a erosión, previr a contaminación do solo e facilitar a rexeneración da vexetación. Ao mesmo tempo, repartiron máis de 75 toneladas de palla, herba e cereais para garantir que a fauna silvestre poida alimentarse mentres se recuperan os seus hábitats naturais.

A iniciativa, cun orzamento de 216.000 euros, combina a coordinación da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que se encarga de subministrar os materiais, organizar as tarefas e asesorar aos voluntarios sobre o terreo, e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que xestiona a inscrición, a difusión da actividade e a cobertura de seguros dos participantes.

Estas intervencións complementan outro plan de alimentación da fauna silvestre que repartiu 111 toneladas de alimento en zonas de difícil acceso, incluso mediante helicóptero. Entre ambos programas, repartíronse preto de 190 toneladas de palla, herba e cereais en toda a provincia de Ourense, cun esforzo conxunto próximo a medio millón de euros.

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez tamén destacou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural contará en 2026 cun orzamento de 48,6 millóns de euros para reforzar a conservación ambiental en Galicia, incluíndo axudas para parques naturais, reservas da biosfera, a Rede Natura 2000 e plans específicos de protección da fauna e do patrimonio natural na comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.32599115371704