A Xunta destinará en 2026 máis de 70 millóns de euros a axudas para estudantes e persoal investigador universitario

O Goberno galego publica o calendario dunha ducia de convocatorias de bolsas e premios para dar certezas ao alumnado e ao persoal investigador das universidades públicas
Investigadores
Actualizada el 3 enero 2026, 11:29 horas
2 Jan 2026

A Xunta de Galicia destinará ao longo de 2026 máis de 70 millóns de euros a axudas para estudantes e persoal investigador das tres universidades públicas galegas. Así o anunciou a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que fixo público o calendario das datas previstas para a publicación dunha ducia de convocatorias de bolsas e premios.

O obxectivo desta planificación é ofrecer certezas ás persoas aspirantes e facilitar a súa organización académica e profesional. Precisamente este xoves publicouse no Diario Oficial de Galicia a primeira destas convocatorias, dirixida ao alumnado participante no programa Erasmus+, cunha dotación de case 2 millóns de euros.

Este conxunto de axudas complétase coa matrícula universitaria gratuíta, unha medida pioneira impulsada pola Xunta que xa beneficiou a máis de 28.000 estudantes nos dous anos de vixencia, así como coa conxelación das taxas universitarias, que se mantén desde hai 14 anos. Estas políticas converten o sistema universitario galego, segundo destaca o Goberno autonómico, no máis accesible e igualitario de España.

O calendario inclúe tamén contratos para as distintas etapas da carreira investigadora, especialmente nos dez primeiros anos tras a obtención do grao, permitindo realizar unha tese doutoral en catro anos e continuar con proxectos de investigación nos seis seguintes. Ademais, prevénse axudas para mobilidade internacional, cursos de idiomas no estranxeiro durante o verán, bolsas para cursar másteres universitarios en situación de desemprego e premios á excelencia académica.

Ademais da convocatoria Erasmus+, o calendario fixa para o 19 de xaneiro a publicación das axudas a grupos de investigación, cun orzamento de case 29 millóns de euros, e para o 27 de xaneiro as destinadas ás etapas predoutoral e posdoutoral, dotadas con 32,7 millóns de euros.

Neste mesmo mes tamén se convocarán as bolsas para estancias lingüísticas no estranxeiro durante o verán (228.000 euros) e os Premios Fin de Carreira para o alumnado que rematou os seus estudos en 2025, cun importe de 402.500 euros.

En febreiro publicaranse os Premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica, destinados ao alumnado de grao con mellores expedientes do curso 2024/25, cunha dotación próxima aos 647.000 euros. Xa en xuño están previstas as bolsas de mobilidade con países extracomunitarios, mentres que en xullo se convocarán as axudas para persoas tituladas universitarias en desemprego que desexen cursar un máster universitario oficial.

En 2026 tamén haberá fondos para os convenios da Xunta coas universidades públicas para cofinanciar programas estatais de investigación, como Ramón y Cajal, Juan de la Cierva ou as bolsas do Consello Europeo de Investigación (ERC). Ademais, resolveranse convocatorias xa publicadas a finais de 2025, como o selo de excelencia para titulacións de grao e a mención de excelencia para másteres universitarios oficiais.

⚙ Configurar cookies
0.34315919876099