A Xunta e a Deputación de Pontevedra presentan os usos do Teatro Cine Fraga para convertelo nun referente cultural de primeiro nivel no noroeste peninsular

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e a vicepresidenta do organismo provincial deron a coñecer esta folla de ruta, que recolle propostas de particulares e entidades
Teatro Cine Fraga Vigo
11 Mar 2025

A Xunta e a Deputación de Pontevedra xa teñen deseñados os usos que se lle van dar ao Teatro Cine Fraga, co obxectivo de converter este edificio emblemático de Vigo “nun espazo cultural de primeiro nivel e referente do noroeste peninsular”. Así o deron a coñecer o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a vicepresidenta deste organismo provincial, Luisa Sánchez, durante a presentación pública en Vigo desta folla de ruta, enriquecida coas propostas de particulares e entidades que fixeron as súas suxestións a través da campaña "O mellor espazo busca o mellor contido".

O responsable de Cultura agradeceu as “valiosas achegas” feitas pola cidadanía, que serán tidas en conta na futura programación cultural. Destacou tamén que o Teatro Cine Fraga será un espazo non só de difusión, senón tamén de creación e experimentación, buscando converterse nun “epicentro de innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

A rehabilitación proxectada transformará este inmoble nun espazo arquitectónico “flexible e polivalente”, cunha programación enfocada a talleres e laboratorios de ideas vencellados ás artes musicais, audiovisuais e literarias. Entre as novas iniciativas atópase a creación de residencias artísticas que acollerán profesionais de Galicia, España e Portugal. Tamén se impulsarán actividades formativas co obxectivo de favorecer a profesionalización do sector cultural.

Espazo polivalente para teatro, concertos e cine

O edificio conta con 7.000 metros cadrados, que se optimizarán para albergar diferentes espectáculos. O proxecto inclúe unha sala cunha capacidade de 860 persoas en formato teatro, pero que poderá ampliarse ata 2.000 persoas retirando parte das butacas para eventos específicos.

Espazo museístico dedicado ao cine e a Isaac Fraga

Ademais da súa programación escénica, o Teatro Cine Fraga contará cunha sala expositiva permanente para destacar os seus vínculos co cine en Vigo e en Galicia. Este espazo renderá homenaxe ao seu fundador, Isaac Fraga, exhibidor cinematográfico de referencia na súa época. Tamén se recuperará o histórico órgano de cine, único no Estado, para acompañar proxeccións.

Novos públicos e formación cultural

O proxecto inclúe a posta en marcha dun club infantil e dunha serie de obradoiros orientados á infancia e á mocidade, co obxectivo de fomentar a creatividade e a participación cultural. Haberá actividades vencelladas á escrita creativa, a composición musical e a produción audiovisual.

Compromiso da Xunta con Vigo

O conselleiro de Cultura destacou que a rehabilitación do Teatro Cine Fraga é unha mostra do compromiso do Goberno galego con Vigo, como xa ocorreu co Hospital Álvaro Cunqueiro, a reforma do antigo Hospital Xeral para convertelo na Cidade da Xustiza ou a rehabilitación do edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín, que acollerá entidades socioculturais e o Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia.

⚙ Configurar cookies
0.11135721206665