A Xunta e as tres universidades galegas lanzan unha campaña conxunta para impulsar o uso da lingua

A Xunta de Galicia e as tres universidades galegas poñen en marcha unha campaña conxunta para fomentar o uso da lingua mediante un convenio a través do que o Goberno autonómico achega 30.000 euros. A iniciativa, coordinada pola Comisión Interuniversitaria de Normalización Lingüística, foi presentada hoxe polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen destacou que “é a primeira acción deste tipo que se desenvolve entre as tres institucións académicas”.
Baixo o lema O galego xa é teu, a proposta busca chegar ás xeracións máis novas, un dos grupos prioritarios no Pacto pola Lingua impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Este plan combina medidas inmediatas e a longo prazo para reforzar a presenza e prestixio do galego na sociedade.
“O obxectivo é xerar apego polo idioma como lingua do saber e do coñecemento, pero tamén fóra das aulas, nos momentos de socialización e nas actividades extracurriculares”, sinalou García, quen puxo en valor a implicación da comunidade universitaria. No acto estivo acompañado pola vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López Villar; a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda Morillo, e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.
A campaña inclúe un vídeo promocional en formato tráiler, no que o galego se presenta como un superpoder e se anima ao alumnado a demostralo. Ademais de difundirse en redes sociais e portais universitarios, repartiranse materiais coa imaxe da campaña e produtos promocionais, como maillots, entre o estudantado.
Cómpre lembrar que esta acción dá continuidade a outras como Saca a lingua que levas dentro, posta en marcha hai uns meses pola Xunta, que abrangue cursos específicos de galego, contidos dixitais e actividades de ocio en centros escolares.