A Xunta impulsa en Curtis o futuro centro galego de acollida de animais abandonados

A nova infraestrutura autonómica terá unha capacidade estimada para 300 cans e 200 gatos
can-protectora-animal
16 Jun 2025

A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación, por preto de 100.000 euros, o contrato para redactar o proxecto básico e de execución do futuro centro de acollida de animais de compañía abandonados que se localizará no concello coruñés de Curtis. Esta nova infraestrutura autonómica, que terá unha capacidade estimada para 300 cans e 200 gatos, será un referente na protección animal en Galicia e contará cunha superficie total construída de 2.300 metros cadrados.

As empresas interesadas en optar a este contrato, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2021-2027, teñen ata o 30 de xuño para presentar as súas ofertas. O prazo previsto para a execución dos traballos será de tres meses desde o día seguinte á formalización do contrato.

O centro está concibido como unha resposta integral ás necesidades dos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes, que adoitan ter máis dificultades para asumir os servizos de acollida e protección de animais abandonados ou extraviados. A intención é, segundo apunta a Xunta, "reforzar a nivel autonómico o labor desempeñado polas administracións locais e as entidades sen ánimo de lucro".

O proxecto incluirá instalacións avanzadas e adaptadas ás distintas necesidades dos animais, como áreas de corentena, zonas de maternidade, espazos de illamento infeccioso, hospitalización, zonas para animais agresivos e módulos específicos para gatos e cans. Tamén contará cun quirófano, unha sala de radioloxía, consultas veterinarias diferenciadas, sala de hixiene e outros servizos asociados ao benestar animal.

Na parte administrativa, o complexo disporá de vestiarios, sala de persoal, lavandería, almacéns de residuos, material e alimentos, así como un cuarto de instalacións. Ademais, na área de acceso ao público, está previsto habilitar un vestíbulo, zona de recepción e control, unha aula de formación, despachos e aseos.

O contrato tamén inclúe a realización do estudo xeotécnico do terreo no que se construirá o centro. Este informe permitirá coñecer as características do solo e da contorna, imprescindibles para definir adecuadamente a cimentación e garantir a estabilidade e funcionalidade do edificio.

O investimento inicial previsto para todo o proxecto ascende a 2,07 millóns de euros, consolidando así unha aposta clara da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático por mellorar a rede de protección animal en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.29187321662903