A Xunta impulsa melloras no firme de estradas autonómicas en máis de vinte concellos

Os traballos en marcha beneficiarán a preto de 20.000 persoas e enmárcanse nun plan dotado con 68 millóns de euros, o maior orzamento da historia da Administración galega neste ámbito
reforzo-firme-estradas-Sarria-Xunta
17 Jul 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou Sarria para supervisar as obras de reforzo do firme que se están a executar en catro estradas autonómicas ao seu paso por este municipio, O Saviñao e Láncara.

Trátase das vías LU-536, LU-533, LU-622 e LU-636, onde se actúa para mellorar preto de 21 quilómetros de viarios, cun investimento de 2,5 millóns de euros. Segundo explicou Allegue, estes traballos beneficiarán a unha poboación de case 20.000 persoas nos tres concellos.

A conselleira destacou que estas actuacións enmárcanse no compromiso da Xunta por manter as estradas autonómicas en condicións axeitadas de vialidade, limpeza, sinalización e comodidade, sempre co obxectivo de garantir a seguridade viaria.

Ademais destas intervencións, na provincia de Lugo tamén están en marcha obras noutras dúas estradas, a LU-113 e a LU-530, nos concellos de Cospeito, Lugo, Castroverde e Abadín, cun orzamento de 3,6 millóns de euros.

Allegue puxo en valor que estas melloras abórdanse con planificación e dotación de recursos, subliñando que este ano a Xunta dedica o maior orzamento da súa historia á conservación e mantemento de estradas, cun total de 68 millóns de euros. Estes fondos xa permitiron licitar obras de reforzo de firmes por máis de 43 millóns, o que cualificou como “unha aposta firme pola seguridade, a conectividade e o desenvolvemento sostible do noso territorio”.

A conselleira lembrou que entre os traballos máis recentes tamén se inclúen obras adxudicadas para actuar nos viarios AC-419, AC-432, AC-441 e AC-442 en oito concellos da provincia da Coruña, cun investimento de 2,6 millóns de euros. En Pontevedra, desde hoxe, están a comezar intervencións en catro estradas máis ao seu paso por Bueu, Cangas, Pontevedra e Ponte Caldelas, cun orzamento de 2,2 millóns.

Na provincia de Ourense, a Xunta acaba de finalizar o reforzo de firme en varias estradas que discorren por O Bolo, Petín, Larouco, A Rúa, O Barco, Rubiá, Pobra de Trives e Quiroga, por un importe de 3 millóns de euros. Así mesmo, ten licitadas por 2,8 millóns as obras de mellora de 13 travesías urbanas en Ourense cidade, incluída a renovación integral do tramo da OU-413 na subida ao Seminario.

Finalmente, Allegue avanzou que no outono comezarán as obras de renovación integral do firme da autovía do Barbanza (AG-11), licitadas por 11,9 millóns de euros. Segundo indicou, a Xunta recibiu seis ofertas de empresas que están a ser avaliadas, para desenvolver traballos ao longo dos máis de 40 quilómetros do viario e tamén nos seus enlaces, ao seu paso por Boiro, Padrón, Dodro, Ribeira, Rianxo e A Pobra do Caramiñal.

⚙ Configurar cookies
0.23070693016052