A Xunta impulsa o plan contra o acoso escolar e promove os “Puntos laranxa”

O IES Muralla Romana incorpora novos recursos dixitais e prevé ampliar as súas instalacións cun investimento de 1 millón de euros
punto-laranxa-IES-Muralla-Romana-de-Lugo
22 Oct 2025

A Xunta de Galicia está a desenvolver o Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar 2023-2025, un conxunto de medidas orientadas a garantir que os centros educativos “sexan espazos seguros e respectuosos para todos os alumnos e alumnas”, segundo explicou o delegado territorial en Lugo, Javier Arias, durante unha visita ao IES Muralla Romana.

Entre as iniciativas destaca a implementación dos chamados “Puntos laranxa”, caixas de correos que permiten informar de xeito anónimo sobre posibles situacións de acoso sufridas polo propio alumnado ou percibidas en compañeiros. Estes puntos contan cunha imaxe claramente identificable e deben ser accesibles para todo o alumnado, tanto na súa instalación física como no acceso dixital.

Ademais, este curso puxérase en marcha un novo recurso, o Termómetro Acoso Escolar, un cuestionario en liña sinxelo e de fácil aplicación que os docentes poden activar ante calquera sospeita. “Permite avaliar a situación dunha, varias ou todas as aulas e xerar automaticamente un informe detallado con indicadores sobre a convivencia, o benestar emocional e a detección de posibles casos de acoso”, explicou Arias. Estes informes servirán de base para tomar decisións pedagóxicas e intervir cando sexa necesario.

O Goberno galego tamén incorpora programas complementarios destinados ao benestar emocional do alumnado, como o proxecto de prevención da conduta suicida, ao que tamén está adherido o IES Muralla Romana.

Durante a visita, Javier Arias avaliou tamén co equipo directivo a próxima ampliación das instalacións do centro, que conta cunha partida consignada de 1 millón de euros nos Orzamentos da Xunta para 2026.

⚙ Configurar cookies
0.34378290176392