A Xunta impulsa un novo grupo de traballo coas universidades para reforzar o grao de Medicina

Co fin de actualizar o pacto de 2015 sobre a organización da docencia do grao en Medicina
doctor-medico-medicina-snaidade-3
10 Jun 2025

A Coruña xogará un papel destacado no novo impulso que a Xunta e as universidades galegas queren darlle ao grao de Medicina. Así se desprende do acordo anunciado tras a reunión do Consello de Docencia Clínica, onde participaron os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto cos reitores das tres universidades públicas galegas: Santiago, Vigo e A Coruña.

O novo grupo de traballo, que terá nove membros, busca revisar e fortalecer o acordo de 2015 sobre a organización da docencia do grao de Medicina en Galicia. “As partes coinciden na necesidade de afondar, desde unha posición de consenso, no pacto acadado en 2015”, sinalaron os representantes da Xunta, que destacaron o espírito de cooperación entre institucións.

No caso da Coruña, a súa área sanitaria estará representada por un profesional no novo grupo, xunto con outros das áreas de Vigo e Santiago. Tamén estará presente o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, ou a persoa na que delegue, o que garante a participación activa da institución coruñesa neste proceso de revisión e planificación.

A proposta busca integrar “toda a potencialidade dos profesionais do Servizo Galego de Saúde e dos diferentes hospitais” no sistema educativo, mellorando tanto a parte teórica como a práctica da formación médica. Tamén se avanzará na “descentralización teórica e clínica”, o que abre a porta a unha maior implicación dos hospitais galegos, entre eles os da área coruñesa, na docencia universitaria.

O grupo de traballo estará presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e incluirá tamén ao decano da Facultade de Medicina, José Carreira Villamor; a vicexerente do Sergas, Carmen Balboa; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.

Desde a Xunta valoraron moi positivamente o encontro e agradeceron a colaboración dos reitores. “Coa creación deste grupo de traballo comeza un proceso de diálogo que toma como punto de partida o acordo de hai unha década para organizar a docencia do grao de Medicina nos próximos anos desde a perspectiva da unión de forzas e a cooperación entre as partes”, concluíron os conselleiros.

O novo equipo establecerá nas vindeiras semanas un cronograma de actuación para avanzar nas distintas áreas definidas e comezar a aplicar os axustes necesarios.

⚙ Configurar cookies
0.22670006752014