A Xunta impulsará a Rede de Concellos contra o acoso escolar para coordinar recursos e actuacións

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu luz verde á sinatura dun convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias para poñer en marcha a Rede de Concellos contra o acoso escolar.
Segundo explicou, esta iniciativa permitirá reforzar a cooperación entre administracións para sensibilizar, previr, formar e actuar ante posibles casos de acoso e ciberacoso escolar. Rueda reiterou a máxima do Goberno autonómico de “tolerancia cero” ante calquera conduta contraria á convivencia no ámbito educativo.
A nova rede estruturarase arredor de catro eixos principais: sensibilización, prevención, formación e denuncia. Estará organizada en dous órganos —o pleno e as comisións provinciais— e establecerá un seguimento sistemático e continuado dos casos, incorporando unha perspectiva territorial coa implicación activa dos servizos municipais.
Entre as súas funcións figuran labores de observación, análise, asesoramento e difusión de información, así como apoio aos concellos adheridos na elaboración de programas de prevención e intervención. Tamén se promoverán plans de formación específicos para o persoal municipal e compartirán boas prácticas entre administracións.
Ademais do convenio coa Fegamp, a Xunta establecerá un marco de colaboración coa Fiscalía Superior de Galicia e cos corpos e forzas de seguridade do Estado para fortalecer a resposta institucional.
O obxectivo final é reforzar a coordinación entre institucións para previr, detectar e abordar situacións de acoso e ciberacoso, garantindo o benestar do alumnado galego nun clima de convivencia positiva.