A Xunta inicia o día 29 a nova campaña de vacinación contra a gripe

Reforzarase a protección dos maiores administrando por primeira vez a vacina antigripal de alta carga a todas as persoas de 70 a 79 anos
vacina-intranasal-gripe-nenos
14 Sep 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou esta mañá en rolda de prensa que a campaña de vacinación fronte á gripe e á covid da temporada 2025-2026 dará comezo o próximo luns 29 de setembro e presenta, como principais novidades, a ampliación da cobertura antigripal nos maiores e na infancia e por non prever habilitar grandes recintos.

Gómez Caamaño, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sinalou que a Xunta decidiu ampliar a vacinación da gripe este ano a nenas e nenos de ata os 11 anos, administrando a vacina por vía intranasal, despois da boa acollida que tivo a pasada campaña ao evitar a picada. A vacinación infantil fronte á gripe comenzará o 13 de outubro nos centros de saúde.

Ademais, o Goberno galego porá en marcha un programa piloto de vacinación escolar. Desta forma, tamén a partir do 13 de outubro vacinarase nos colexios participantes no programa piloto ao alumnado desde os 24 meses e ata os nados en 2014, é dicir, correspondentes a 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e a todos os cursos de Educación Primaria.

Polo que respecta ás persoas maiores, o conselleiro de Sanidade explicou que a Xunta decidiu administrar a vacina antigripal de alta carga tamén ao grupo de idade de 70 a 79 anos despois de que o ensaio clínico Galflu demostrara que reduce as hospitalizacións por gripe case nun 32 % en comparación coa vacina estándar.

Do mesmo xeito, os maiores de 80 anos, os residentes en centros sociosanitarios e persoas inmunodeprimidas seguirán a recibir as doses reforzadas contra a gripe como ata agora.

Gómez Caamaño sinalou o liderado de Galicia na introdución de novas inmunizacións e tamén na modalidade de compra de vacinas. Por primeira vez no mundo adquírense na modalidade de acordo de risco compartido, o cal liga o prezo das vacinas de alta carga aos resultados en saúde e á súa capacidade efectiva para reducir o número de ingresos hospitalarios por gripe.

Esta campaña non será preciso recorrer á habilitación de grandes recintos e a organización da vacinación organizarase exclusivamente a través da rede asistencial do Servizo Galego de Saúde, cos centros de saúde como puntos principais.

Serán citadas por mensaxe sms de forma proactiva as persoas desde 60 anos e os nenos desde os 6 meses aos 11 anos, agás aqueles que participen no programa piloto de vacinación escolar.

O resto de grupos de risco como embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas poderán pedir cita a través da App Sergas Móbil.
A campaña iniciarase o 29 de setembro acudindo a residencias de maiores e centros de persoas con discapacidade.

Segundo fixou Gómez Caamaño, o obxectivo da Consellería de Sanidade é acadar unha taxa de vacinación infantil arredor do 60 % e do 75 % en canto a maiores de 60 anos e persoal sanitario.

O conselleiro recoñeceu o compromiso da cidadanía galega coa vacinación e que quedou demostrado na última campaña, na cal Galicia volveu ser líder nas taxas de cobertura tanto en gripe como en covid. De feito, a taxa de vacinación da gripe en maiores de 65 anos en Galicia foi dun 71 %, fronte ao 58,4 % en España; e dun 65,7 % na vacinación infantil, “superando con creces o 48,1 % da media estatal”, remarcou Gómez Caamaño.

En canto a virus estacionais, a Xunta iniciará xa o luns 22 de setembro a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) a bebés directamente nos hospitais onde nazan a partir desa data e ata o fin da campaña en marzo.

Ademais, serán citados os menores de seis meses para recibir a inmunización xa que reduce o número de hospitalizacións dos lactantes. En total, o ano pasado en Galicia administrouse a máis de 12.700 nenos.

O conselleiro de Sanidade agradeceu o traballo dos profesionais sanitarios nesta campaña e amosouse orgulloso de que Galicia conte co calendario de vacinación para toda a vida máis completo do mundo.

⚙ Configurar cookies
0.32522702217102