A Xunta inviste 2 M€ en melloras nas escolas infantís, que seguen a ser gratuítas para as familias galegas

A Xunta de Galicia vén de rematar as actuacións de posta a punto nas súas escolas infantís de cara ao inicio do curso 2025-2026, no que por cuarto ano consecutivo a atención educativa é completamente gratuíta para as familias galegas. En total, investíronse preto de 2 millóns de euros en obras de mellora na rede pública autonómica de centros de 0 a 3 anos, executadas durante os meses de verán.
O obxectivo destas intervencións é ofrecer espazos de máxima calidade para a atención e coidado da infancia, mellorando tanto o confort do alumnado como o do profesorado e persoal. Entre os traballos realizados destacan melloras en zonas exteriores, medidas de eficiencia enerxética, cambios de cubertas, renovación de equipamentos e adaptación de espazos interiores.
No caso do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as actuacións desenvolveron nas escolas infantís de Vigo, A Coruña, Ferrol, Ares, Cambre e Porto do Son. Pola súa parte, a Axencia Galega de Servizos Sociais acometeu reformas en Ribadeo, Oza e O Ventorrillo (A Coruña) e na escola infantil Virxe da Covadonga, en Ourense.
Este novo curso, iniciado oficialmente o pasado venres, supón o cuarto no que as familias non pagan nada pola escolarización dos seus fillos en centros públicos, de iniciativa social ou privados. Galicia continúa a ser a única comunidade autónoma que garante a atención educativa gratuíta de 0 a 3 anos durante 8 horas ao día e 11 meses ao ano.
A Xunta destina 65 millóns de euros de fondos propios a esta medida, da que se benefician máis de 32.000 familias cun aforro medio de máis de 3.000 euros por fillo. O obxectivo para o curso 2025-2026 é que Galicia manteña a súa posición de liderado na escolarización neste primeiro ciclo de Educación Infantil, cun 65 % de alumnado matriculado, 15 puntos por riba da media estatal.